14 de xan. de 2025

TOMIÑO

Tomiño vai celebrar a súa décima Semana da Educación  

 Como cada ano, catro destacados profesionais do mundo da ensinanza e da aprendizaxe, ofrecerán catro conferencias no auditorio de Goián entre o 10 e o 13 de febreiro  



Infogauda / Tomiño

 Por décimo ano consecutivo, o Concello de Tomiño, celebra a súa Semana da Educación; unha cita consolidada á que acoden tanto profesionais da docencia, e a sanidade, como pais e nais interesados na crianza dos seus fillos e fillas. A cita será no mes de febreiro, entre os días 10 e 13  no Auditorio de Goián.  

 Cómprese así unha década apostando pola ensinanza e a aprendizaxe, indispensables para mellorar o entorno local e o mundo a nivel global. “Esta á para nos unha das actividades das que nos sentimos máis orgullosos. Unha cita totalmente consolidada que se converteu en referente en toda a provincia. Cremos que a educación é a mellor ferramenta que temos para conseguir transformar a nosa sociedade; por iso traemos a recoñecidos expertos na crianza que poden acompañar aos pais e nais que se atopan nesta tarefa tan importante”, explica a alcaldesa, Sandra González, que convida a toda a veciñanza, pais e nais, familias e profesionais da educación a asistir a este evento que, ademais de ser de balde, conta con servizo de gardería.  

 Como nas anteriores edicións a Concellería de Cultura propón catro conferencias baixo o lema  “PENSO LOGO INSISTO, A EDUCACIÓN É A SOLUCIÓN“.  

 Como vén sendo habitual, catro profesionais expertos na temática, ofrecerán conferencias moi interesantes sobre distintos aspectos importantes da crianza. 



 Abrirá o ciclo de charlas, Armando Bastida (enfermeiro de pediatría, formador online, divulgador, e conferenciante, con varios libros escritos), o 10 de febreiro co relatorio “Educar con sentido común”.


  

 Beatriz Robles (licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e graduada en Nutrición Humana e Dietética cunha ampla formación en seguridade alimentaria e patoloxías nutricionais) ofrecerá o 11 de febreiro a charla-coloquio “Desinformación alimentaria: ferramentas para que non tragues calquera cousa”. 



 O terceiro profesional será Rafa Guerrero (licenciado en Psicoloxía Clínica e da Saúde, doutor en Educación e experto en Psicoloxía Educativa e TDAH) o 12 de febreiro, con “Como fomentar a intelixencia emocional na infancia e adolescencia”. 


 E pechará o ciclo de conferencias Diana Jiménez (neuropsicóloga educativa con máis de 20 anos como formadora e psicóloga especializada en infancia e xuventude) o 13 de febreiro, con “Cando os tempos cambian, os pais e nais aprenden”.  

 As persoas que desexen asistir ás conferencias deben inscribirse a través da páxina web do Concello de Tomiño, entrando na ligazón: https://tomino.gal/semana-da-educacion-2025/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario