O Rosal alza a súa voz a prol da infancia e adolescencia no 8º Encontro Estatal de Unicef en Bilbao
• Grande experiencia de Isabella, Elda e Lola, integrantes de ‘Fogaricos’, nun evento que contou coa participación de 180 nenos, nenas e adolescentes de toda España
Infogauda / O Rosal
A mellor elección é unha boa protección. Con este lema o Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente de Unicef reuniu en Bilbao esta fin de semana a 180 nenos, nenas e adolescentes no que O Rosal deixou tamén a súa pegada. Isabella, Elda e Lola, integrantes do consello rosaleiro ‘Fogaricos’, participaron no evento no que tamén se implicou a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, onde viviron unha grande experiencia participando de forma activa en actividades e grupos de traballo nos que reflexionaron sobre os retos para garantir a protección da infancia fronte á violencia.
Durante o encontro, as e os participantes abordaron temas como a identificación de distintos tipos de violencia, o mapeo de recursos para xerar contornas seguras e protectoras e a creación dun “circuíto de protección” que permita aos nenos e nenas comunicar situacións de maltrato, abuso ou neglixencia. Ademais, as reflexións e propostas deste encontro incorporáronse a un manifesto que pon o foco na importancia da prevención e sensibilización como ferramentas clave para combater a violencia.
Beatriz Rodríguez destacou a importancia de dar voz á infancia e á adolescencia neste tipo de eventos. “O máis valioso desta experiencia foi comprobar como a nosa rapazada pode achegar ideas e solucións para crear espazos máis seguros e libres de violencia. Desde o Concello seguimos comprometidos coa protección dos dereitos da infancia e co fomento da participación activa para transformar as súas inquedanzas en accións reais”, resaltou.
Tres intensos días de traballo nos que Isabella, Elda e Lola propuxeron as súas ideas sobre a necesidade de concienciar nas escolas, mellorar os espazos de ocio para evitar a soidade ou reforzar o compromiso dos municipios na loita contra a violencia. “Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu compartir opinións e aprender sobre realidades que non son tan coñecidas pero que afectan a moitos nenos e nenas no mundo”, destacaron.
O resultado foi un completo manifesto no que fixeron fincapé na importancia de educar e sensibilizar para previr a violencia e no que propuxeron aos municipios que conciencien á veciñanza e que creen espazos de lecer gratuítos “para que a poboación non se atope soa e poida estar con máis xente que a trate ben”. No caso dos centros educativos, as nenas e nenos participantes pediron máis implicación e concienciación de profesorado e alumnado para previr, detectar e abordar situacións de violencia nas aulas, mentres que a nivel mundial poñen o foco nos gobernos para que, entre outras cuestións, deseñen solucións reais que dean respostas eficientes de protección a infancia e adolescencia, traballar todas e todos xuntos para erradicar a explotación infantil, crear escolas onde a comida estea incluída, mellorar o sistema de becas ou fomentar o emprego de calidade.
Pola súa banda, durante os tres días do encontro a concelleira de Benestar Social tamén participou en diferentes grupos de traballo no que persoal técnico, administrativo e político de municipios de toda España moi diferentes compartiron enfoques de traballo, iniciativas e ideas. Durante as sesións abordaron temáticas como a rendición de contas desde a administración pública, a importancia da formación a persoal administrativo e político, a promoción da inclusión e da tolerancia nos consellos de participación infantil e adolescente e a transparencia, responsabilidade e relevancia nas accións locais. Beatriz Rodríguez destacou a riqueza destas xornadas para intercambiar experiencias e aprender de boas prácticas que axuden a seguir avanzando na protección e benestar da infancia e da adolescencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario