Mobilidade e seguridade, prioridade na folla de ruta das infraestruturas do Rosal
• A alcaldesa Ánxela Fernández Callís reuniuse coa conselleira María Martínez Allegue para avanzar en proxectos clave no municipio
Infogauda / O Rosal
Unha folla de ruta para o futuro do Rosal. Así se define o encontro de traballo mantido entre a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no que - como informamos neste xornal dixital transfronteirizo - ambas as dúas abordaron proxectos estratéxicos para o municipio. A prioridade foi marcar os pasos para avanzar na mellora da seguridade viaria e completar a rede de sendas que conecten os principais puntos da vila.
Na reunión, a Xunta trasladou a súa intención de executar a realización da senda na PO-552, unha demanda realizada polo Concello e que permitiría unir a ponte do Tamuxe, en San Miguel, coa estrada de Tabagón-As Eiras, a EP-3303, que xa foi transformada nos tres últimos anos. Este proxecto contempla a conexión coa ponte do Tamuxe pola PO-194, un ramal antigo que tras as obras a Xunta transferiría ao Rosal. Segundo avanzou a conselleira, a Xunta vai a licitar xa a redacción do proxecto e prevé que a execución da obra estea rematada en 2027.
“Estamos a falar dunha obra que transformará a mobilidade de toda a zona da Ribeira do Rosal e mellorará a seguridade para os nosos veciños e veciñas”, subliñou a alcaldesa, que fixo un balance positivo do encontro. Fernández Callís destacou que “dende o Concello sempre apoiaremos e priorizaremos proxectos que teñen un impacto positivo directo na calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras. Con esforzo e colaboración institucional podemos avanzar cara a un municipio mellor conectado”.
Outro dos temas destacados foi a situación da PO-353, unha estrada que conecta A Guarda con Fornelos e que aínda presenta dous tramos pendentes de execución. “Este vieiro é un punto negro no que é necesario actuar con urxencia para controlar os excesos de velocidade que se producen na zona. Mentres a Xunta non complete a senda, para o Concello é imprescindible implementar medidas de seguridade específicas, especialmente tendo en conta a proximidade de tres escolas unitarias”, subliñou a rexedora. Neste sentido, a alcaldesa avanzou que, tal e como se acordou coa conselleira, se reunirá en breve co director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Pontevedra, José Manuel González, para tratar de que a Xunta aborde solucións inmediatas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario