22 de xan. de 2025

CULTURA MARÍTIMA

CONVOCATORIA DE III XORNADA DE FORMACIÓN “PATRONEANDO NO FUTURO” 



Mary Serantes* / Cambados

 Como xa se informou anteriormente, na pasada asemblea ordinaria do pasado 30 de novembro de 2024 acordouse a celebración das Xornadas “Patroneando no Futuro” con periodicidade anual e con carácter itinerante. As xornadas procuran un espazo de debate entre os colectivos, con participación libre para todas as persoas que os integran ou outras achegadas no que, dun xeito próximo e informal, poidamos compartir experiencias, iniciativas ou propostas cara a ampliación da base social dos colectivos e o logro de mellores condicións para divulgar a cultura mariñeira. Con esta nota poñemos en marcha este proceso para que os colectivos poidan propoñerse como sedes da III Xornada, nas seguintes condicións: 

 1. O colectivo organizador deberá proporcionar un local adecuado, que teña a posibilidade de acoller un mínimo de 70 persoas e que conte co mobiliario e cos medios audiovisuais axeitados (proxector ou monitor, microfonía, amplificación,...). 

 2. O colectivo organizador deberá encargarse dos labores de acondicionamento e montaxe do local (mobiliario e medios), así como de reservar un restaurante achegado para o xantar das persoas participantes 

 3. O colectivo organizador poderá propoñer a temática central da xornada e deberá procurar persoas ou entidades de interese para o desenrolo da temática escollida, sen prexuízo de que Culturmar estableza criterios xerais para definir a axenda e temáticas, ou propoña a participación dalgunhas persoas ou entidades que resulten de interese para os obxectivos a tratar. 

 4. O colectivo organizador deberá poñer os medios para o rexistro gráfico da xornada, coa elaboración dun vídeo memoria para publicar nas RRSS de Culturmar, ou incluso para a emisión en streaming. 

 5. O colectivo organizador colaborará na elaboración da documentación necesaria para o desenvolvemento desta Xornada 

6. Culturmar non asumirá gastos pola celebración da xornada. Os gastos polo xantar serán asumidos polas persoas participantes. 

 Unha vez comunicadas as propostas procederase a escoller a que resulte de maior interese atendendo á idoneidade da localidade, instalacións e temáticas, e tomando tamén en consideración o posíbel carácter estratéxico da escolla. 

 O prazo para presentar as propostas comezará co envío desta convocatoria e finalizará o vindeiro 28 de febreiro de 2025. 

 A xornada celebrarase entre os meses de marzo e abril, evitando entrar no período do ano con máis actividade. 

 As propostas enviaranse por correo electrónico a secretaria@culturmar.org 

 Acompáñanse como documentos adxuntos o proxecto da II Xornada de Formación “Patroneando no Futuro” que se celebrou en Cabo de Cruz en abril de 2024 e a memoria daquela xornada. 

* Compoñente de administración de CULTURMAR.Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

Ningún comentario:

Publicar un comentario