O BNG ROMPE TODO TIPO DE RELACIÓN PRFEFERENTE CO GRUPO MUNICIPAL DO PSOE DE TUI
Bloque Nacionalista Galego de Tui
O Bloque Nacionalista Galego de Tui quere informar á cidadanía tudense da nosa decisión de renunciar, a partir deste momento, a calquera tipo de negociación co grupo municipal do PSOE de Tui. O noso grupo político actuará desde agora como oposición crítica e responsable, centrando os seus esforzos na defensa das propostas incluídas no noso programa ou doutras iniciativas que consideremos positivas para o ben do concello.
Esta decisión non é precipitada. Desde a mesma noite electoral, o BNG mostrouse sempre disposto ao diálogo e á colaboración. Os resultados históricos acadados pola nosa formación, dobrando a representación municipal, permitíannos avanzar nunha posición de traballo conxunto polo ben de Tui.
Proba disto foi que chegamos a dous pactos co PSOE:
- En agosto de 2023, apoiamos as dedicacións exclusivas do grupo de goberno, tras un acordo no que o PSOE se comprometía a:
- Destinar o edificio da rúa Camilo José Cela á sede da Policía Local.
- Habilitar no espazo do edificio Cam-Fran un local para as asociacións.
- Elaborar, no prazo de seis meses, un estudo de viabilidade para un transporte interparroquial.
- Estudar a unificación da Alameda de Santo Domingo co bosque de Seoane.
- En xullo de 2024, votamos a favor dos orzamentos tras outro acordo que incluía:
- A asignación dunha partida para impulsar os trámites de adquisición dos terreos contiguos ao CEIP número 1 de Tui.
- Poñer en marcha un plan de mellora dos espazos verdes e arborado, incluíndo como primeira medida a intervención no parque empresarial de Areas.
- A mellora paulatina dos parques infantís nas parroquias, nomeadamente no Montiño, Malvas e Pexegueiro, dado o seu estado actual.
- O cumprimento dos catro puntos do anterior pacto sobre as dedicacións exclusivas.
Con todo, máis dun ano despois, non se materializou ningún dos acordos. Non só non houbo avances significativos, senón que nestes últimos días anunciouse nos medios que o edificio da rúa Camilo José Cela non será destinado á sede da Policía Local, xustificando o cambio co argumento de que non se pode modificar o uso do inmoble. Este dato, de ser certo, xa debía ser coñecido no momento do pacto e argumentado naquela altura, evitando enganar ao BNG.
Ademais:
- Os estudos de viabilidade e a unificación da Alameda co bosque de Seoane seguen sen existir.
- Os parques infantís continúan sen melloras, especialmente nos casos máis urxentes como o Montiño, Malvas e Pexegueiro. - A intervención no parque empresarial de Areas non se iniciou. - Non hai avances nos trámites para os terreos do CEIP número 1.
Os reiterados incumprimentos dos acordos por parte do PSOE de Tui demostran unha falta absoluta de vontade e seriedade para cumprir cos compromisos adquiridos.
Por isto, o BNG de Tui vese obrigado a romper todo tipo de relación preferente con este grupo político e a negarse a negociar calquera tipo de acordo proposto polo goberno municipal. O BNG considera que non é posible confiar nun grupo que, unha e outra vez, incumpre os compromisos asumidos. Seguiremos defendendo as nosas propostas de maneira crítica e responsable, velando exclusivamente polos intereses da veciñanza tudense.

Ningún comentario:
Publicar un comentario