5 de maio de 2026

CULTURA

A Deputación de Pontevedra inaugura en Vigo a exposición ‘Rosalía Ilustrada’ con 35 obras orixinais que interpretan graficamente a obra da escritora galega 

• Artistas como Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide ou Kiko da Silva participan nesta mostra que ofrece un diálogo entre a literatura e a arte visual 


Na inauguración de ‘Rosalía Ilustrada’ estiveron presentes a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez; o deputado de Cultura, Jorge Cubela; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e artistas como Iria Ribadomar, Bea Gregores, Ánxeles Ferrer e Federico Fernández
Foto: J. Philippot

Infogauda/Vigo

 A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde este martes a exposición ‘Rosalía Ilustrada’, unha proposta cultural que ofrece un diálogo entre literatura e arte visual a partir da obra de Rosalía de Castro. A mostra, de carácter itinerante, reúne 35 ilustracións orixinais realizadas por 34 artistas galegos e galegas que interpretan textos da autora desde linguaxes plásticas contemporáneas.  

 Impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, esta iniciativa pon de manifesto a vixencia da figura de Rosalía, cuxa influencia transcendeu a literatura para converterse nun símbolo cultural de Galicia, inspirando tamén disciplinas como a música e as artes visuais.  

 Na mostra, que permanecerá aberta hasta o 12 de xuño, participan ilustradoras e ilustradores de renome como Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide, Bea Gregores ou Kiko da Silva.

 Na inauguración de ‘Rosalía Ilustrada’ estiveron presentes a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez; o deputado de Cultura, Jorge Cubela; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e artistas como Iria Ribadomar, Bea Gregores, Ánxeles Ferrer e Federico Fernández.  

 Durante o acto, Luisa Sánchez quixo recoñecer o valor do traballo conxunto que fai posible este tipo de proxectos: “A cultura constrúese colectivamente, e actos como o de hoxe demostran que cando sumamos esforzos, o resultado é máis rico”.  

 Do mesmo xeito, destacou o enfoque da exposición, que “ofrece un diálogo entre a palabra e a imaxe, entre a tradición e a creación contemporánea”, e subliñou a vixencia da autora homenaxeada: “A figura de Rosalía de Castro é unha fonte inesgotable de inspiración, que segue a ser un referente a día de hoxe”.  

 Finalmente, puxo en valor o papel da sede viguesa da Deputación como espazo cultural aberto: “Quero darvos a benvida a un edificio que non é un mero edificio administrativo; é tamén un espazo aberto á cidadanía e un punto de encontro cultural”.  

 A exposición poderá visitarse na sede provincial situada no Casco Vello de Vigo, na rúa Chao, ata o 12 de xuño en horario ininterrompido de 09.00 a 20.30 horas. A súa seguinte parada será o Pazo Provincial de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario