6 de dec. de 2024

A GUARDA

Co acendido do alumeado e a inauguración do belén de Genaro Alonso, comezou o Nadal na vila

 O artístico Nacemento conta con 43 esceas e 67 figuras, creadas de xeito artesanal 


Persoas de todas as idades presenciando o Belén articulado, que Genaro Alonso Martínez, amosa na Casa dos Alonso
Foto: Infogauda


 Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Co acendido do alumeado de Nadal - evento que contou coa participación do alcalde, Roberto José Álvarez Carrero e membros da Corporación Municipal de A Guarda -, e coa actuación do Grupo de Gaitas e de Pandereteiras do Club de Pensionistas e Xubilados de A Guarda, e a inauguración do Belén articulado - da autoría do artesán Genaro Alonso Martínez -; a vila de A Guarda xa está inmersa de cheo no ambiente característico destas datas previas ao Nadal.

 Dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino o Grupo de Gaitas e de Pandereteiras do Club de Pensionistas e Xubilados de A Guarda interpretou varias pezas musicais, propias desta época, que foron premiadas polo respectable público que se deu cita na praza do Reló, e que foi agasallado con caramelos que repartiron algúns concelleiros.

 A continuación, o alcalde Roberto José Álvarez Carrero e o concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez Fariñas, en presenza de Genaro Alonso Martínez, e de decenas de persoas, deron por inaugurado o artístico Belén articulado da autoría do devandito artesán.

 Nesta ocasión, o Nacemento - que pode visitarse na Casa dos Alonso - ten as seguintes dimensións: 450 cm x 170 cms.

 Conta con 43 esceas e 67 personaxes, todos eles realizados partindo de materiais metálicos que xa esgotaran a que podiamos definir, en principio, como "vida útil". En realidade, grazas a Genaro Alonso Martínez, voltan a ser máis funcionais que nunca, toda vez que grazas a creatividade deste artesán, eses materiais non son estáticos. Cobraron vida. 

 Dese xeito podemos ollar como o que antes era un trebello mecánico, concebido para un cometido concreto, ben fora como compoñente dun automóbil ou dunha motocicleta, agora constitúen as figuras do Nacemento.

 As olladas dos visitantes focalízanse instintivamente, no Portal de Belén, situado nun outeiro, camiño do cal vemos como avanzan Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, montados nos seus respectivos camelos. 

 Vemos tamén o castelo de Herodes. Máis de xeito primordial, ollamos unha aldea galega, coas súas humildes casas, alpendres, cabanóns, muiños de auga e tamén de vento, a fragua,.... Un pobo activo, de xente traballadora, na que prácticamente todo o mundo atópase realizando o seu labor: o arrieiro, o carpinteiro, o destilador do augardente, o ferreiro, a lavandeira, os labregos coas súas parellas de bois, a muiñeira, a panadeira amasando o pan, os pastores, os pescadores, o viñateiro e o seu lagar,..., e tamén figuras que representan outras profesións.  Asemade ollamos algúns pensionistas, que conversan sen présa, falando cecais da boa nova do nacemento do Neno Xesús.

 Todo iso, configura o Belén articulado que Genaro Alonso montou na Casa dos Alonso, sede do Concello de A Guarda, para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse ata alí a desfrutar coa súa contemplación.

Horarios de visita:

De 9 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario