6 de maio de 2026

PONTEVEDRA

Eclipse   

Abel Losada explica que só 7 concellos da provincia acreditaron puntos de observación para a eclipse do próximo 12 de agosto  

O subdelegado recalca que os puntos recomendados deben contar co aval das dirección xerais de Emerxencias e de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, polo que pide á Deputación non promocionar outros 

Losada recorda que non é necesario desprazarse porque calquera lugar da provincia con boa visibilidade cara o oeste é idóneo  


O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu esta mañá a segunda xuntanza de coordinación para a organización do dispositivo de seguridade de cara á eclipse total de sol do próximo 12 de agosto

Foto: S. do G.

Infogauda/Pontevedra

 O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu esta mañá a segunda xuntanza de coordinación para a organización do dispositivo de seguridade de cara á eclipse total de sol do próximo 12 de agosto. Na xuntanza tomaron parte, ademais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Dirección Xeral de Emerxencias, a Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia, o Padroado de Turismo Rías Baixas da Deputación e representantes dos concellos de Vilagarcía de Arousa e O Porriño. 

 Abel Losada deu conta de que 7 concellos da provincia comunicaron formalmente á Xunta e á Delegación do Goberno en Galicia a recomendación de puntos para a observación da eclipse: A Caniza, As Neves, O Porriño, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais están en fase de presentación de documentación adicional Silleda e Meis. 

 A Dirección Xeral de Emerxencias xa comunicou a estes concellos que deben redactar un plan de autoprotección en previsión de incidencias se se superan determinados aforos. Adicionalmente, os concellos que optaron por puntos situados en solo forestal deberán solicitar autorización á Consellería de Medio Rural e, finalmente, deberán ter en conta que se o próximo 12 de agosto hai declarado risco alto ou extremo de incendio non poderán utilizalos. 

 Diante de todas estas circunstancias, Abel Losada pediulle aos responsables turísticos, especialmente ao Padroado de Turismo Rías Baixas, que teñan coidado de non seguir difundindo entre os medios de comunicación a existencia de 40 supostos puntos recomendados na provincia de Pontevedra, dado que hai un procedemento acordado entre o Ministerio de Ciencia e a Xunta de Galicia para a determinación e aprobación destes puntos para a observación da eclipse. O subdelegado recalcou que é necesaria a máxima coordinación para garantir a seguridade, dado que só os puntos aprobados polos departamentos autorizados da Xunta de Galicia contarán con dispositivo específico das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, “cuxos medios non son ilimitados”. 

 Porén, Losada subliñou que todo o territorio da provincia de Pontevedra é idóneo para contemplar a eclipse, sempre que teña unha visibilidade sen obstáculos cara o oeste. O subdelegado incidiu en que non é necesario desprazarse, dado que a eclipse observarase ao 99% en todo o territorio provincial, unha diferencia insignificante co 100% que será observable en algúns puntos de Rodeiro, Agolada e Vila de Cruces. Losada opinou que o máis adecuado sería transmitir esta mensaxe, xunto coa necesidade de protexer os ollos con gafas homologadas. 

 Tódalas partes acordaron manter unha terceira e última reunión de coordinación de cara ao próximo mes, na que tamén se convidará á Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario