BALONMÁN FEMININO
As cadetes do Guardés desembarcan nunha nova e ilusionante Minicopa
• O equipo da base baixomiñota inicia este venres, de xeito paralelo á competición de DHF, unha nova Minicopa de España Feminina
• As mozas xogadoras saíron a San Sebastián esta madrugada e o venres xogarán ás 11.15 horas ante o Oyonesa Sporting A Rioxa o primeiro dos tres partidos de fase de grupos que lle esperan
Redacción Deportes / Donostia
As cadetes do Mecalia Atlético Guardés súmanse á festa copeira e desembarcan esta fin de semana nunha nova e ilusionante Minicopa de España Feminina, competición paralela á Copa da Raíña que se celebra entre os homólogos desta categoría dos clasificados ao torneo de División de Honra. Despois dunha xornada de viaxe e preparación in situ, as de María Doiro xogarán este venres dous dos tres partidos que lle esperan como parte da fase de grupos, sendo o primeiro deles ás 11.15 horas ante o Oyonesa Sporting A Rioxa.
As cadetes afrontan un mes de maio cheo de grandes retos con moitas ganas de seguir facendo historia. Despois de alzarse campioas da liga Ouro, primeira competición da categoría a nivel autonómico, por primeira vez na historia do Club, as da Guarda participarán a finais deste mes nunha fase de Sector Nacional contra equipos de toda España que, ademais, acollerán como anfitrioas na Sangriña. Así, entre o 21 e o 24 de maio, o Mecalia medirase contra o Vicapal BM Palencia, o Balonmán Xixón e o EMD Aceuchal por seguir avanzando nun Campionato de España que é todo un fito na historia da base guardesa.
Pero antes diso, as de María Doiro enfócanse noutro esixente reto, ao que están acostumadas doutras tempadas pero que non por iso é menos ilusionante: a Minicopa de España, competición paralela á Copa da Raíña de División de Honra que celebran os mesmos equipos nesta categoría. Unha oportunidade única para as participantes de comprobar o ritmo da competición a alto nivel en primeira persoa e de seguir aprendendo ao medirse contra rivais de todo o Estado con todo o que iso implica.
A mecánica deste torneo é a habitual, distribuído en dous grupos que disputan unha primeira fase a partido único entre todos para definir senllos líderes, que se medirán na gran final do domingo. Tres encontros repartidos en dúas xornadas que reunirán o Guardés cos seus rivais do Grupo A: Oyonesa Sporting A Rioxa (este venres, 11.15 horas), KH-7 Granollers (venres, 16.15) e Rocasa Gran Canaria (sábado, 10.00).
Todos eles terán lugar no José Antonio Gasca, fóra da final, que se xogará o domingo ás 11.00 horas, de xeito previo á quenda das maiores e na mesma praza de touros de Illunbe Polo demais, o líder do grupo das baixomiñotas atopará rival para ese esperado partido no primeiro clasificado do Grupo B, conformado por Atarrabia Beti-Onak, Lacturale Bera Bera, Cavidel Aula Valladolid e Elda Prestixio.
En calquera caso, trátase dunha experiencia especial para un equipo canteirán que busca ampliar a súa tempada histórica para a que leva meses preparándose e traballando por desfrutar. As cadetes partiron da Guarda á vez que o primeiro equipo, á 1 da madrugada deste xoves, para chegar a Donostia ao mediodía e pasar alí hoxe unha xornada de preparación con actividades tanto físicas como enfocadas ao reforzo social do grupo. Un último día antes dun reto ao que miran con ganas e ilusión de seguir crecendo, e sobre todo, de pasalo ben da man do mellor balonmán de España.
María Doiro: “O equipo traballou moito esta tempada e as anteriores e imos con ganas de demostrárnolo a nós mesmas”
A adestradora do Guardés cadete, María Doiro, explica que as súas afrontan esta Minicopa como “unha experiencia superimportante para o equipo”, na medida que pode servir tanto “como unha moi boa posta a piques de cara aos retos competitivos que temos despois”, como “como unha gran oportunidade para seguir crecendo a nivel deportivo, competitivo e sobre todo privado e como grupo”. A técnica indica que este tipo de torneos axudan moito a “aprender todo o que implica competir de verdade” a un equipo en formación como o seu, desde “xestionar momentos de esixencia” ata “convivir, coidarse ou a importancia dos pequenos hábitos”, así como o valor de reforzo do grupo social que supón o equipo.
No ámbito competitivo, Doiro valora a fase como “moi esixente, con moitos partidos en pouco tempo” e na que non hai grupos doados. “Tocáronnos rivais de moi alto nivel, que veñen de ligas moi potentes, e iso vainos a esixir a dar o mellor de nós e a non deixarnos nada atrás en todo momento”, engade, destacando o esencial da oportunidade deportiva. Con todo, os obxectivos están claros, e as cadetes levan mirándoos desde hai moito tempo: “O equipo chega preparado, traballou moito esta tempada e as anteriores e imos con ganas de demostrarnos a nós mesmas todo o traballo que fixemos e o nivel ao que estamos; queremos competir á altura que un torneo así se merece”, conclúe a técnica guardesa. Ao final, trátase dunha ocasión especial a moitos niveis, pero que sobre todo permite ás súas seguir loitando para crecer como equipo e soñar por continuar a historia que xa están a escribir.
AXENDA
Minicopa Cadete de España 2026 | Fase de grupos (Grupo A)
Mecalia Atlético Guardés – Oyonesa Sporting A Rioxa
Venres, 8 de maio | 11.15 horas | Pavillón José Antonio Gasca (Donostia)
Retransmisión pola canle de YouTube:
https://www.youtube.com/watch?v=ffdx-aaj7ya
Minicopa Cadete de España 2026 | Fase de grupos (Grupo A)
KH-7 Granollers – Mecalia Atlético Guardés
Venres, 8 de maio | 16.15 horas | Pavillón José Antonio Gasca (San Sebastián)
Retransmisión pola canle de YouTube:
https://www.youtube.com/watch?v=lnvupdjawf4
Minicopa Cadete de España 2026 | Fase de grupos (Grupo A)
Mecalia Atlético Guardés – Rocasa Gran Canaria
Sábado, 9 de maio | 10.00 horas | Pavillón José Antonio Gasca (San Sebastián)
Retransmisión pola canle de YouTube:

Ningún comentario:
Publicar un comentario