O alcalde da Guarda recibiu a Eugenio Vicente, neto do guardés don Avelino Vicente González
• Eugenio visitou de novo a vila natal do seu avó, 36 anos despois da súa visita anterior
Infogauda / A Guarda
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, veñen de recibir a Eugenio Vicente Benítez, neto do guardés don Avelino Vicente González; e a súa esposa, Margarita Borrero de Vicente.
Eugenio visitou de novo a vila natal do seu avó, 36 anos despois da súa visita anterior, e compartiu algún dos recordos que se comentaban na familia sobre o seu avó, resaltando o seu espírito de axudar aos máis necesitados.
O alcalde e o concelleiro agasallaron ao matrimonio cunha placa do Concello e co libro de poemas de Feliciano Rolán “De mar a mar”. Eugenio e Margarita amosaron moitas gañas de achegarse ao idioma galego, xa que se trata dunha edición bilingüe do autor contemporáneo a don Avelino Vicente.
Don Avelino Vicente González naceu en Salcidos o día 4 de outubro de 1859, e a comezos da década de 1870 emigrou a Porto Rico. Conseguiu ser un comerciante de éxito, sendo moi coñecido e respectado por ser un dos artífices da creación da Sociedad Española de Auxilio Mutuo y Beneficencia de Puerto Rico, fundada en 1882, e en cuxo Hospital Auxilio Mutuo, eran atendidos inmigrantes españois con poucos recursos.
Desde súa fundación, o 23 de setembro do 1893, na rúa Fortaleza do Vello San Xoán, e da que foi presidente en 1907, ata que pola súa iniciativa e tesón trasladouse á súa sede de Hato Rey, ata a súa morte en 1928, don Avelino Vicente traballou constantemente pola consolidación e progreso do Hospital Auxilio Mutuo. Na actualidade, esa entidade continúa a ser unha referencia en Porto Rico, sendo o centro de saúde máis grande e completo do Caribe e ofrecendo os seus servizos a miles de pacientes.
Ademais, tamén tivo un papel moi relevante o proxecto da creación da Fundación Hospital Casa Asilo (A Guarda), constituída en 1921 coa finalidade de construir un inmoble para acoller os anciáns pobres de solemnidade e enfermos. E aquel Hospital Casa-Asilo, que posteriormente tería outras denominacións - Centro Rural de Higiene, Centro Sanitario,... - acolle desde fai anos - en boa hora - o Centro Cultural e Social de A Guarda.
Don Avelino Vicente González faleceu o 16 de xaneiro de 1928, sendo o seu enterro, celebrado ao día seguinte, unha grande e extraordinaria manifestación de duelo, que partíu desde a súa vivenda na Parada 20 da Avenida Ponce de León, encabezado polo Cónsul Xeneral, D. Luis Villas e Villareal; o Presidente do Senado de Porto Rico, D. Antonio R. Barceló; o Alcalde da cidade, D. Roberto H. Todd e os Vice-Presidentes da Sociedad de Auxilio Mútuo, o señores D. Manuel Camblor e D. Manuel B. Soler. (1)
Foto: Arquivo Miguel Reboredo Otero
Polo labor levado a bo termo por don Avelino Vicente González, un busto - da autoría do escultor Xosé Antúnez Pousa - honra súa lembranza diante da fachada principal do edificio.
Sendo don Avelino Vicente González un dos guardeses máis influíntes da inmigración, na nosa vila dedicóuselle unha das prazas máis importantes e céntricas, cunha placa que lembra o seu labor.
Nota bibliográfica
.jpeg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario