A Guarda avanza co Rosal e con Caminha na cooperación para fortalecer a nova Eurocidade
• Os municipios fronteirizos presentaron o proxecto das novas Axendas Urbanas da Foz do Rio Minho
O alcalde de A Guarda e as alcaldesas de Caminha e O Rosal, xunto con outras persoas dos tres concellos, que participaron na reunión de traballo celebrada na Casa dos Alonso
Foto: C.A.G.
Infogauda /A Guarda
Vén de ter lugar na Casa dos Alonso unha nova sesión de traballo co resto de concellos transfronteirizos para avanzar na cooperación e dar pasos para a consolidación da Eurocidade Foz do Miño con Caminha e O Rosal.
Neste encontro presentouse a nova Axenda Urbana para a Eurocidade da Foz do Miño, que estará centrada nos ámbitos da cultura, da mobilidade, do turismo e da economía do río. Xorde como un instrumento moderno de planificación conxunta, aliñado coas prioridades europeas e adaptado á realidade transfronteiriza.
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, afirma que supón “un novo paso na construcción dunha visión común para o territorio transfronteirizo do Rio Miño e na consolidación dunha cooperación cada vez máis madura, estruturada e orientada a resultados concretos”.
Esta iniciativa está promovida no marco do proxecto REDE_GOV_MINHO, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A, dentro da AECT Rio Minho.

Ningún comentario:
Publicar un comentario