8 de dec. de 2024

O ROSAL

A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL CONVOCA O I CONCURSO INFANTO-XUVENIL DE PANXOLIÑAS AMDOR 

  Que terá lugar o domingo 29 de decembro de 2024, ás 18:00 h., no Auditorio Municipal do Rosal




Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 A Agrupación Musical do Rosal convoca o I Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas que terá lugar o domingo 29 de decembro de 2024, ás 18:00 h., no Auditorio Municipal do Rosal.

 O obxectivo deste concurso é incentivar e divulgar a música coral entre a mocidade, favorecendo a continuidade desta actividade en idades temperás. Preténdese desenvolver unha formación integral nas e nos participantes, fomentando o valor do esforzo, a disciplina do canto coral, o traballo en equipo e a adquisición de valores formativos, cívicos e sociais, á vez que se goza da música e do canto.

 O concurso rexerase polas seguintes: 

BASES 

1. Participación:

Poderán participar agrupacións corais infantís, xuvenís ou mixtas, sen restrición de procedencia. 

2. Entidades participantes: 

Os coros poden pertencer a colexios, institutos, escolas de música, conservatorios, asociacións ou outras entidades similares. 

3. Idade: 

Os membros dos coros non poderán superar os 18 anos de idade. A organización resérvase o dereito de solicitar o DNI das e dos integrantes en caso de dúbida sobre a súa idade. 

Os coros son os responsables de contar coa autorización dos seus pais/titores legais para participar no concurso. 

4. Número de voces: 

Cada coral deberá contar cun mínimo de 10 voces, sen establecerse un máximo.

5. Repertorio: 

Cada coro interpretará tres pezas de libre elección, que deberán ser panxoliñas ou cancións relacionadas co Nadal, de calquera orixe ou idioma. Unha vez aceptada a participación do coro, solicitaranse as partituras das obras. 

6. Duración: 

A interpretación conxunta das tres pezas non poderá exceder os 10 minutos. 

7. Acompañamento instrumental: 

O acompañamento instrumental será libre, pero estará prohibido o uso de elementos de amplificación. 

8. Premios: 

Establécense os seguintes premios: 

• 1º Premio: 200 €

• 2º Premio: 100 € 

• 3º Premio: 50 € 9. 

Inscricións: 

As inscricións poderán realizarse ata o 22 de decembro de 2024, enviando a folla de inscrición ao seguinte correo electrónico: info@agrupacionmusicaldorosal.com 

10. Xurado: 

O xurado será designado pola Agrupación Musical do Rosal e estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical e coral. 

11. Criterios de valoración: 

Valoraranse os seguintes aspectos: 

- Dificultade: Grao de dificultade das pezas e a súa adecuación ao nivel do coro. 

- Interpretación: Fraseo, dinámica, articulación e sonoridade. 

- Técnica vocal: Proxección, empaste e afinación. - 

Posta en escena: Expresión artística e presenza escénica.

12. Continxencias:

Calquera cuestión non prevista nestas bases será resolta segundo o criterio do xurado. 

13. Actuación especial: 

Durante a deliberación do xurado, actuará o Coro Infanto-Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal. 

14. Dereitos de imaxe dos participantes: 

Os coros participantes son os responsables de solicitar os pais/titores legais permiso para aparecer en imaxes (fotografía, video, etc) tomadas con motivo da participación no concurso e no acto de entrega de premios. 

15. Aceptación das bases: 

A participación neste concurso leva implícita a aceptación total destas bases.

Ningún comentario:

Publicar un comentario