A Xunta de Galicia activa mañá a ampliación do Bono Activa Comercio con outros 2,5 M€ para atender á demanda tanto do tecido comercial como da cidadanía
• As persoas que xa descargaran os seus bonos desta 6º edición -agora ampliada- e non os gastasen, teñen dende mañá unha nova oportunidade para empregalos
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia activará mañá luns, día 9 de decembro, a prórroga da convocatoria da sexta edición dos Bonos Activa Comercio, cunha ampliación de crédito doutros 2,5 millóns de euros co obxectivo de seguir incentivando as compras no comercio de proximidade.
A medida responde á alta demanda tanto da cidadanía como do tecido comercial, despois de que o crédito da presente edición se esgotase en apenas dous días, rexistrando preto de 7.000 comercios adheridos e máis de 255.000 bonos descargados, mobilizando en total máis de 11 millóns de euros en vendas.
Con esta ampliación, o investimento do Executivo galego nesta acción en 2024 acada os 7,5 millóns de euros co fin de incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras, ao tempo que se fomenta o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Detalles da convocatoria
Ao tratarse dunha ampliación de crédito da última campaña dos Bonos Activa Comercio, os establecementos que xa se sumaran á iniciativa seguen estando adheridos. Pola súa parte, aqueles negocios que aínda non se deran de alta e queiran facelo, xa poden sumarse a partir do pasado venres, 6 de decembro.
Canto ás persoas que descargaron os seus bonos de desconto hai un mes e non chegasen a tempo de gastalos —ben en parte ou ben na súa totalidade—, teñen dende mañá unha nova posibilidade de empregalos.
No que respecta a aqueles que non descargaran o seu bono hai un mes —co arranque da campaña— poden facelo igualmente a partir de mañá, luns 9 de decembro, na web www.bonosactivacomercio.gal e aproveitalo para facer novas compras en beneficio do comercio das súas contornas. No caso daqueles usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e o eliminaron sen chegar a gastalo, poderán volver a descargalo a partir de mañá para usalo.
Os bonos, cun importe de 30 euros, teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Tal e como establecen as normas da convocatoria, cada persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora. Cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros desta ampliación adicional, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario