BALONMÁN FEMININO
A estremo Ania Ramos é a cuarta renovación do Guardés 2026/2027
• A estremo palentina revalidou o seu acordo co equipo baixomiñoto e o vindeiro curso pasará o seu cuarto ano na Guarda, dende que chegou no 2023 procedente da División de Honra
• Ramos é o cuarto nome para o 2027, uníndose a Cecilia Cacheda, María Palomo e Cristina Cifuentes
Redacción Deportes/A Guarda
Ademais de centrarse neste decisivo final de tempada, o Mecalia Atlético Guardés segue a traballar no seu proxecto de cara ao vindeiro curso. Nesta ocasión o equipo baixomiñoto desvela o seu cuarto nome para o 2026/2027, que supón a renovación dunha das súas xogadoras máis novas, pero con percorrido no cadro de persoal: a palentina Ania Ramos pasará o ano que vén o seu cuarto na Guarda, no que continuará a facerse un nome dende o estremo esquerdo na elite.
Ramos, de 25 anos recentemente cumpridos, está a converterse nunha xogadora completa e capaz de aportar mocidade ao plantel guardés, ao tempo que xa conseguiu labrarse unha certa experiencia nela. A súa velocidade axudou ao equipo especialmente no ámbito ofensivo este curso, contando un total de 74 goles entre as tres competicións nas que militou, ademais, con destacada estabilidade. Unha cifra duns dous acertos por encontro que a sitúa coma un grande efectivo en accións rápidas ao contrataque e coma unha rival ambiciosa, artífice doutros tantos roubos de balón que fan ver o seu valor igualmente na proposta defensiva.
A palentina chegou por primeira vez ao Club no 2023, procedente dunha División de Honra Ouro na que atraera moitas moradas coma potente goleadora. Nestes tres anos no Guardés soubo explotar os seus puntos fortes e, ao tempo, medrar deportiva e persoalmente, mellorando sobre a pista e ocupando un papel cada vez máis importante nun plantel que non quixo deixala escapar para o vindeiro ano. Ania é unha guardesa máis e así faise notar, tamén, entre a afección do equipo baixomiñoto, outro dos aspectos nos que soubo integrarse completamente no espírito do Club ao que, unha campaña máis, seguirá a pertencer.
Ania Ramos é a cuarta xogadora que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para o próximo ano deportivo 2026/2027, do que transcenderon ademais as renovacións de Cecilia Cacheda, María Palomo e Cristina Cifuentes, así como a saída de Ana Seabra como cabeza do corpo técnico. Nas seguintes semanas, o Club comunicará as demais xogadoras que conformarán o seu proxecto do ano que vén, así como a identidade do técnico que a dirixirá.
Ania Ramos: “Un sempre quere estar onde se sinte querido”
A estremo do Mecalia, Ania Ramos, manifestou estar “moi leda de formar parte do equipo un ano máis”, onde admite sentirse moi cómoda e onde lle corresponde. “Un sempre quere estar onde se sinte querido, e o agarimo que se recibe aquí por parte da afección é incrible”, destacou a palentina coma unha das principais razóns á hora de apostar pola súa continuidade no proxecto baixomiñoto.
Sobre os seus obxectivos para o futuro, Ramos espera rematar esta tempada “loitando coma estivemos a facer ata agora”, desexosa coma as súas compañeiras de poder certificar un dos dous títulos que aínda se xoga no que resta de mes de maio. Para o curso que vén, Ania céntrase en manter a filosofía Guardés, polo que pensa fundamentalmente en “poder seguir a medrar deportivamente nun equipo con ambición”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario