Tomiño percorre os colexios da vila para falar cos nenos e nenas sobre o funcionamento dos composteiros e a importancia de separar o lixo
As visitas consisten nunha demostración de peneirado do compost producido nos propios centros e unha explicación dos diferentes colectores que existen en rúas e camiños
Infogauda / Tomiño
O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, que preside Ana Belén Casaleiro, está levando a cabo unha serie de visitas aos colexios do municipio, co fin de lembrar a importancia de separar os residuos en diferentes colectores, para que se poidan reciclar, tal como o establece a nova lei na materia. Para conseguir unha maior incidencia no alumnado, as visitas comezan cunha demostración de peneirado do compost que se produce nos propios centros educativos, falando logo dos residuos en xeral, e das 5 fraccións que se deben separar, en particular. Ata o momento a actividade realizouse nos coles de Sobrada, Pedro Caselles Beltrán (Santa Mª de Tomiño), Pintor Antonio Fernández (Goián) e Tebra e, en breve, chegará a Barrantes.
“Deste xeito –explica a concelleira- tentamos reflexionar coa comunidade escolar, neste caso, sobre as obrigas que a nova lei de residuos establece para toda a poboación en calquera lugar e actividade, como a separación do lixo nas 5 fraccións diferentes (biorresiduos, envases lixeiros, papel/cartón, vidro e resto). E que ademais existen outros colectores ou servizos de recollida para residuos especiais, como aceite de cociña usado, pilas, aparatos eléctricos y electrónicos, mobles, etc.”.
Desde a Concellería de Medio Ambiente aproveitan para lembrar á cidadanía en xeral a importancia de facer un bo uso dos colectores de recollida de lixo, para evitar problemas como desbordamentos, sucidade, malos cheiros, sensación de abandono, etc., que afectan negativamente a toda a poboación. “Se toda a veciñanza utiliza as canles adecuadas para desfacerse dos residuos, non se producirían situacións como as que seguen ocorrendo as veces e que nos afectan a todos e todas”, declara Ana Belén Casaleiro. Asemade, asegura que “os cativos teñen esa capacidade de asombrarse cando ven algo mal feito, como un vertido fora dos colectores ou en sitios non axeitados, polo que somos nós os responsables de non darlles mal exemplo”.
Casaleiro explicou aos escolares que poden visitar a páxina web revitaliza.tomino.gal para recordar que deben facer cos biorresiduos nos seus fogares, tanto si viven en casas con finca como en pisos.
Por último, no caso de residuos que a veciñanza non saiba en que colector botar, a concelleira recomenda chamar ao Departamento de Medio Ambiente, onde resolverán as dúbidas para “entre todos e todas levar a cabo a xestión máis axeitada”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario