4 de nov. de 2024

OIA

A Xunta de Galicia subvenciona con 20.000 euros a restauración do lavadoiro de Pedornes, no concello de Oia 

O delegado territorial visitou o resultado dos traballos que foron posibles grazas ás axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos locais 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo director territorial de Pontevedra de Medio Ambiente, Nicolás Montes, e pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, coñeceu o resultado das obras de restauración realizadas no lavadoiro de Pedornes

Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de restauración que se levaron a cabo no lavadoiro de Pedornes, no concello de Oia.  

 Trátase dunha actuación que foi posible grazas ás axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos que a Xunta pon á disposición dos concellos a través do Instituto de Estudos do Territorio, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Concretamente, o concello pontevedrés recibiu unha achega da Xunta de 20.000 euros para cometer esta actuación.  

 Cómpre destacar que as accións subvencionables inclúen, por un lado, a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais así como a mellora do aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos e doutro tipo de equipamentos públicos.  

 Acompañado polo director territorial de Pontevedra de Medio Ambiente, Nicolás Montes, e pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “apoiar aos concellos para que estes poidan manter e conservar espazos tan emblemáticos como este lavadoiro de Pedornes”.  

 Neste sentido, Reguera explicou que son cinco os concellos da área territorial de Pontevedra que este ano se beneficiaron destas axudas por un importe que suma preto de 150.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario