O Rosal explora o talento local cun obradoiro de pintura en cerámica
O Concello pon en marcha o segundo dos Obradoiros de Outono o vindeiro 16 de novembro
Aberto o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa dirixida a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal convida a descubrir o encanto da cerámica coa mellor ferramenta: as nosas propias mans. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Rosal pon en marcha o segundo dos Obradoiros de Outono, un taller de dúas horas que baixo o título ‘Pinta a túa cerámica’ abrirá ás persoas participantes as portas a un universo de cores e texturas no que cada unha poderá transformar unha peza de cerámica nalgo único e persoal. Dirixido por Conchi Garrido, este obradoiro promete ser unha experiencia creativa e inspiradora para todos os públicos.
O taller terá lugar o vindeiro sábado 16 de novembro ás 11.00 horas na Nave Obradoiro da Mata, aproximadamente dúas horas para que as persoas interesadas decoren unha peza cerámica que ao remate poderán levar para casa. Organizado pola OMIX do Rosal, aínda que o taller está dirixido a público de todas as idades terán prioridade á hora da inscrición as persoas menores de 30 anos.
O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, destaca que o Concello traballa para “abrir espazos onde a mocidade e tamén a veciñanza en xeral poida experimentar e desenvolver a súa creatividade. Este obradoiro é un paso máis na nosa aposta por ofrecer alternativas culturais, formativas e de lecer innovadoras”.
Con prazas limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario web habilitado. Unha vez realizada a inscrición chamarase ás persoas interesadas para confirmar a súa participación e informar sobre o modo de pago. O prazo de inscrición remata o vindeiro luns 11 de novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario