5 de out. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación esterilizou xa preto de 260 gatos en 14 concellos ao abeiro do programa de Colonias Felinas do CAAN 

 En total solicitaron o servizo de esterilización de gatos 23 concellos dos 51 adheridos ao Centro de Recollida e Protección Animal (CAAN) da institución provincial


Os concellos interesados deberán achegar a solicitude de esterilización de gatos recollidos nas colonias felinas

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través doCAAN (Centro de Recollida e Protección Animal) xa esterilizou no que vai de ano preto de 260 gatos en 14 concellos da provincia a través do servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas. En total, dende que comezou o servizo, xa son 23 dos 51 concellos adheridos ao CAAN os que o solicitaron.  

 O proceso comezou o pasado mes de abril, cunha primeira fase da campaña na que os concellos se encargaban de levar os animais ao CAAN, onde se esterilizaron un total de 139 gatos de seis concellos (Mos, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Silleda e Soutomaior). No mes de agosto, e ante a escaseza de medios dos concellos para poder coller e trasladar aos animais, comezou unha segunda fase na que o propio centro de recollida provincial pasou a encargarse da captura, esterilización e devolución dos animais ás súas respectivas colonias felina. Nesta fase, sometéronse ao proceso un total de 118 gatos de 11 concellos (Catoira, Crecente, Mos, Ponteareas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Sanxenxo, Soutomaior e Valga).  En concreto, na zona de Vigo e do sur da provincia, xa se esterilizaron 190 gatos de oito concellos (Crecente, Mos, O Porriño, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior), e tamén solicitaron o servizo e comezarán as esterilizacións proximamente Covelo, Mondariz-Balneario e Oia. No contorna de Arousa e do Salnés o proceso xa se realizou con 58 animais de Catoira, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo e Valga, e tamén o solicitou Meaño. Ademais, nas comarcas de Deza-Tabeirós o concello de Silleda xa esterilizou nove gatos e A Estrada farao proximamente. Por outra banda, tamén solicitaron o servizo os concellos da Lama, Marín, Moraña e Vilaboa, na contorna de Pontevedra.  

 Os concellos adheridos ao CAAN poden solicitar este servizo para axudarlles no cumprimento da Lei vixente, que determina que están obrigados a xestionar as colonias felinas, identificando, esterilizando, vacinando e desparasitando os animais que as integran. Os concellos interesados deberán achegar a solicitude de esterilización de gatos recollidos nas colonias felinas, así como unha memoria na que se especifique, entre outras cuestións, o número de colonias no seu termo municipal e os animais presentes en cada unha delas. Cabe recordar que cada concello poderá solicitar un número máximo de animais a esterilizar por ano segundo o número de habitantes (25 para os de menos de 5.000 habitantes, 50 ata 10.000, 100 ata 20.000 e 200 ata 40.000 habitantes).

Ningún comentario:

Publicar un comentario