18 de out. de 2024

PONTEVEDRA

Luis López anuncia a posta en marcha do programa +Rueiro para transformar e modernizar o padrón municipal de 59 concellos da provincia 

  A iniciativa, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, contempla dotar a cada municipio dunha base de datos de vivendas, unificada a nivel nacional e coas vivendas xeolocalizadas


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a institución provincial porá en marcha un novo proxecto, co nome +Rueiro, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros financiado ao 100% polos fondos NextGeneration. "Queremos con esta iniciativa –asegurou o presidente provincial- transformar dixitalmente e modernizar o padrón municipal, mediante a elaboración dun censo de vivendas en 59 concellos da provincia".  

 O obxectivo de +Rueiro é que cada municipio conte cunha base de datos de vivendas, que estará ademais unificada a nivel estatal e na que se identificará cada vivenda mediante un identificador baseado na referencia catastral e que permitirá, á súa vez, xeolocalizalas. Para facelo, tal e como avanzou o presidente, a Deputación creará unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos teña a posibilidade de xestionar o seu rueiro e poder así mantelo  actualizado.  

 Trátase dun proxecto que busca dar resposta a unha demanda municipal histórica, sobre todo en municipios pequenos. "Sentímonos moi orgullosos desta solución tecnolóxica actual, innovadora e amigable que, sen dúbida algunha, nos servirá para poder seguir avanzando cara a modernización da administración pública e para converter a provincia de Pontevedra nun territorio aínda máis intelixente do que xa é", confirmou López.

Ningún comentario:

Publicar un comentario