11 de set. de 2024

VIGO

A Xunta de Galicia colabora coa exposición ‘Un mosteiro, un mar de historias’ para poñer en valor o patrimonio cultural de Galicia 

 O director xeral de Cultura participa na inauguración da mostra sobre o Mosteiro de Santa María de Oia que acolle a sede da Afundación ata o 5 de outubro  

 Anxo M. Lorenzo resalta o compromiso de fomentar a sensibilización e coidado dos bens máis senlleiros a través da campaña ‘Que siga contando a nosa historia’


O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición Un mosteiro, un mar de historias

Foto: R.M.de O.

Infogauda / Vigo 

 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición Un mosteiro, un mar de historias, onde destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural de Galicia. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou, percorre a historia do Mosteiro de Santa María de Oia desde o S.XII ata a actualidade. 

 Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resaltou o compromiso da Xunta de Galicia por fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio coa posta en marcha da campaña Que siga contando a nosa historia. “Os bens que temos na nosa Comunidade merecen ser coidados e preservados, para que legados como os que se recollen nesta mostra continúen formando parte da identidade de Galicia”, sinalou Anxo M. Lorenzo. 

 Cómpre lembrar que o Mosteiro de Santa María de Oia é un dos bens seleccionados na campaña do Goberno galego xunto coa Catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense), a Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) e o campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña). 

 Un mosteiro, un mar de historias estará aberta ao público de forma gratuíta na sede da Afundación ata o vindeiro 5 de outubro. A exposición percorre 875 anos de herdanza histórica permitindo coñecer o pasado, o presente e o futuro deste ben patrimonial, dende a súa época de actividade monacal ata a actualidade. Ademais deste proxecto expositivo, a organización ten previstas varias conferencias que ampliarán os contidos amosados na mostra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario