O MUMI converterá a Eurocidade Tui-Valença nun fervedoiro de tendencias musicais
Infogauda / Tui
O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, que se celebrará do 12 ao 15 de setembro na Eurocidade Tui-Valença, preséntase de novo como escaparate do regreso á escola musical conxugando a súa dobre función de mercado para a industria musical, e festival aberto ao público con propostas gratuítas a pé de rúa.
Na parte profesional o MUMI funciona como un punto de encontro de profesionais e empresas das industrias musicais de Galiza e Portugal que terán a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecer tendencias do sector nos faladoiros programados o venres e o sábado na Zona PRO da feira situada na Escola Superior de Ciências Empresariais (ESCE) de Valença. Temas como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro festivais; as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos; a forma de comunicar cultura en Galiza e Portugal; e unha palestra sobre managementmusical para falar do acompañamento de carreiras artísticas musicais e o posicionamento de artistas emerxentes.
Tamén na Zona PRO, organizaranse sesións de traballo dentro do espazo destinado aos speedmeetings ou encontros rápidos entre professionais, onde artistas, axencias de reserva, empresas de produción e xestión, profesionais da xestión cultural, responsables de programación de entidades públicas e privadas e xornalistas terán a oportunidade de coñecer proxectos e mesmo pechar datas de concertos de cara á programación da nova tempada.
No programa de escaparates, Galiza presentará os directos de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres Portugal achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma. Ademais, dentro da colaboración iniciada na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador. A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición en outubro a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre as dúas feiras, e grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Fira e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
Todos os concertos estarán abertos ao público agás os de Su Garrido Pombo e Rogerio Cardoso Pires, que só realizarán pases para profesionais con acreditación. A cidadanía tamén poderá gozar do programa previsto para o domingo pola mañá nas rúas da fortaleza de Valença. O espectáculo para público familiar Guarda-Pedais sairá da praça da República coa súa enxeñosa bicicleta a remos feita cunha mestura insólita de aparellos cos que consegue xerar momentos de xogo e creatividade musical. Fará dous pases de 40 minutos ás 12:30 e ás 13:45.
Estrea do primeiro documental sobre a zanfona
Tamén dentro da programación aberta ao público, O MUMI acollerá o sábado ás seis da tarde no Teatro Municipal de Tui unha importante estrea do cinema musical e documental galego desta tempada: Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, producido polo Consello da Cultura Galega, é o primeiro documental realizado arredor deste instrumento, onde se analiza o seu papel simbólico nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta. O luthier e mestre artesán Antón Corral, Premio honorífico Martín Códax 2016, participará na presentación xunto ao director Ramon Pinheiro, de aCentral Folque, e Cristina Domínguez, en representación do Consello da Cultura Galega.
O talento de Sonemerxente no MUMI
Dentro das alianzas tecidas polo MUMI, nesta edición a feira recibirá a visita dun grupo de artistas beneficiarias do programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e financiado con fondos NextGenerationEU como parte do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Os proxectos musicais que participarán na actividade son French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas, Marián e Amoebo; que participarán nas actividades do venres e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical. Manterán reunións con axencias de xestión e reserva e con programadores públicos (Concellos, teatros) e privados (festivais, salas), e asistirán aos faladoiros e aos escaparates.
Ningún comentario:
Publicar un comentario