26 de set. de 2024

VIGO

A CIG clama contra a negativa do Concello de Vigo a permitir a instalación do monumento conmemorativo das loitas obreiras de 1972 

 Delegados/as desenvolveron unha protesta diante do consistorio para denunciar os intentos do alcalde de “borrar a memoria obreira” da cidade 


A CIG mobilizouse este mediodía diante do Concello de Vigo para denunciar a negativa do Goberno local a permitir a instalación do monumento conmemorativo das loitas protagonizadas pola clase traballadora en setembro de 1972 

Foto: CIG

Infogauda / Vigo  

 A CIG mobilizouse este mediodía diante do Concello de Vigo para denunciar a negativa do Goberno local a permitir a instalación do monumento conmemorativo das loitas protagonizadas pola clase traballadora en setembro de 1972 e os intentos do alcalde de “borrar a memoria obreira” da cidade. O secretario xeral, Paulo Carril, anunciou que as protestas continuarán até que se recoñeza a importancia dun proceso que supuxo a orixe do sindicalismo nacionalista, hoxe hexemónico no conxunto do país. 

 Antes da protesta a central sindical celebrou unha asemblea de delegados/as no auditorio municipal durante a que se proxectou o documental ‘Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega’, no que se recollen numerosas testemuñas de persoas que fixeron parte activa naqueles feitos históricos.  

 “Nós temos a necesidade de socializar e de poñer en valor as loitas obreiras de setembro de 1972 en Vigo, porque o contrario sería mutilar a nosa propia historia; e imos mobilizarnos para esixir que se dignifique a memoria e se recoñeza o compromiso insobornábel de todas as persoas que participaron nun proceso que foi a orixe do sindicalismo nacionalista”. Así sintetizou Carril durante a súa intervención diante de arredor de 300 representantes sindicais a importancia que para a CIG ten un momento histórico fundamental para o conxunto da clase traballadora galega, xa que supuxo o inicio da súa vontade de autoorganización e da creación das primeiras organizacións sindicais propias. 

 Xa que, tal e como sinalou o máximo responsábel da CIG, tras as loitas obreiras do 72 non se agochaba só unha reivindicación de liberdades fronte ao franquismo, senón que foi unha expresión inequívoca da vontade da clase traballadora galega de organizarse. “Iso é precisamente o que somos nós hoxe en día: a principal forza sindical do país a base de manter a coherencia histórica con esa reivindicación de clase combativa e de contrapoder”.  

 Por iso censurou a actitude a actitude do Goberno local vigués, nomeadamente do seu alcalde, Abel Caballero, que se nega a facilitar unha ubicación para un monumento sufragado integramente pola central sindical e cuxa instalación solicitou hai xa máis de dous anos. “O alcalde pretende borrar da historia a importancia destas loitas, comportándose de igual xeito que fan VOX e o PP en moitos territorios nos que están a derrogar a Lei de Memoria Histórica paralizando exhumacións de cadáveres de persoas asasinadas pola ditadura; porque o que está a facer Caballero é paralizar un proceso de recuperación e de dignificación histórica duns sucesos con traxedia detrás”, en referencia a todos aqueles mortos, torturados, detidos, represaliados e exiliados que deixaron as loitas do 72 en Vigo e Ferrol.  

 Neste senso, lembrou que precisamente dende o 26 de setembro de 1972, data na que remataron as loitas na cidade e da que hoxe se cumpren 52 anos, “Vigo e o conxunto de Galiza teñen pendente recoñecer estas loitas e o seu significado, tal e como se fixo en Ferrol no monumento ao 10 de Marzo; porque é necesario saber de onde vimos para saber onde estamos e cara a onde camiñamos”.  

Cambios de ubicación 

 Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, explicou o “rocambolesco proceso” que se iniciou dende que a central sindical solicitou a instalación do monumento. Gonçalves detallou que o primeiro lugar proposto ao Concello foi a Avenida de Castelao, no barrio de Coia. “Dixéronnos que non, e dixeron que había que colocalo no Castro, na ubicación que nós escolleramos; propuxemos unha e rexeitárona, e fixeron unha nova proposta que posteriormente dixeron que tampouco valía; volveron propoñer outra, pero resulta que no Castro non se pode colocar en ningún sitio porque Patrimonio non o permite polo seu alto valor arqueolóxico”. 

 Entón a central sindical volveu ao inicio e solicitou ubicalo na Avenida de Castelao, “pero agora o Goberno local opta polo silencio e nin nos responde á petición de xuntanzas que lle temos trasladado”. Por iso a CIG convocará novas mobilizacións até que o Concello acceda a facer posíbel a instalación do monumento, tal e como se comprometeran os responsábeis municipais. “Só teñen que escoller a ubicación, xa que tanto o monumento como a súa colocación serán integramente sufragados pola central sindical”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario