18 de set. de 2024

TOMIÑO

Arte urbana en Tomiño da man do artista internacional Marion Ve  

 O muralista colombiano está a crear na Avenida de República Arxentina unha obra inspirada nos cores tomiñeses coa que transmitir enerxía positiva  

 Concello e Migrarte colaboraron para esta estancia do artista   


  O artista internacional Marion Ve, en plena realización do seu mural  
A alcaldesa de Tomiño e membros do goberno municipal, con Marion Ve, e  representantes da plataforma Migrarte


Infogauda / Tomiño 

 Tomiño mantén a súa firme aposta pola arte. O Concello acolle estes días por primeira vez ao artista internacional Marion Ve, un muralista colombiano recoñecido polas súas vibrantes creacións caligráficas que chegou ao municipio para deixar a súa pegada nun mural cheo de cor, enerxía e mensaxes inspiradoras na Avenida de República Arxentina.  

 O antigo edificio do Palomar, xa na confluencia coa praza do Seixo, será o lenzo da nova obra deste muralista que está de tour artístico por España realizando intercambios culturais que o levará a Valencia ou Barcelona e que decidiu recalar en Tomiño guiado da man da agrupación Migrarte. “Paréceme un sitio máxico, con espazos moi fermosos, por iso para min é moi emocionante pintar aquí e compartir a miña arte con toda a veciñanza”, explica. 

 Unha interacción que poderá manterse ao longo desta semana, na que Marion Ve estará realizando o seu mural aberto ás preguntas e á charla cos veciños e veciñas, que poderán achegarse ao proceso creativo dun artista cunha traxectoria internacional que xa deixou a súa impronta en países como México ou Alemaña. A súa obras, que levará o lema en galego ‘Sorrí, comparte a túa mellor enerxía’, é unha mostra do seu estilo único, que mestura ilustración, caligrafía e letras.  

 O seu obxectivo “é transmitir boa enerxía, facer que a xente sorría. Para min sorrir non é só a expresión da boca, é conectar cunha idea ou cun recordo que nos faga feliz. Cada persoa ten unha razón diferente para sorrir, só quero axudar a que cada quen atope a súa”, explica o autor. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia desta colaboración co artista colombiano a través da plataforma de intercambio de artistas Migrarte. “Para nós é un orgullo contar coa estancia de Marion Ve na nosa vila, un artista que co seu mural non só embelecerá as nosas rúas, senón que dará luz, cor e unha nova vida a unha medianeira. Tomiño é terra de artistas, e seguiremos apostando pola arte, tamén urbana, traballando para converter Tomiño nun espazo onde a cultura e a creatividade se respiren a cada paso”, salientou a rexedora. 

 A plataforma Migrarte, que facilitou a chegada do artista a Tomiño, destaca a importancia destes intercambios para achegar a arte a novos espazos, diversificando circuítos e levando arte e artistas máis alá das grandes cidades. Agustina Patiño, representante da entidade, anima “a todos e todas as artistas e a todas as institucións e entidades a sumarse a estas iniciativas que enriquecen tanto ás e aos autores como ás comunidades que os acollen”. 

Novos murais 

 Esta nova intervención en Tomiño únese a outros proxectos de arte mural que o Concello leva impulsando nos últimos meses. O máis recente é o mural realizado pola artista guardesa Tamara Baz, na rúa de Gondomar, que homenaxea ao viveirismo, á planta e á muller, tan imoortantes no devir tomiñeses. 

 Por outra banda, os muros do campo de fútbol de Goián é o lenzo dunha peza significativa do deporte e de Tomiño, facendo fincapé nos valores que transmiten como a igualdade e cunha referencia ao Goián F.C., que realiza a súa actividade nestas instalacións. O mural forma parte do proxecto de mellora destas instalacións tamén a nivel estético, decorando medianeiras e espazos públicos, levando a arte aos veciños e visitantes e facendo de Tomiño un referente cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario