18 de set. de 2024

TUI

O historiador Bieito Alonso presenta seu libro “Inimigos ás portas: Frank López e o anarquismo global” 

 Será este venres ás 20 horas, na Sala Municipal de Exposicións 


Exemplares de libro “Inimigos ás portas: Frank López e o anarquismo global”, do historiador Bieito Alonso 


Infogauda / Tui

 Este venres, 20 de setembro, ás 20 h na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, presentarase o último libro do historiador Bieito Alonso, “Inimigos ás portas: Frank López e o anarquismo global”, publicado pola Editorial Galaxia.  

 O acto contará coa presenza do autor e unha intervención socio-musical a cargo de Quico Paz Antón e Raúl Francés.  

 Despois de gañar o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación por “Anarquistas galegos en América”, Bieito Alonso pon sobre a mesa este novo volume, que centra o foco en Frank López, Francisco López García (1885-1967), natural de Bemantes.  

 Esta proposta pode resultar de interese para explicar a traxectoria transnacional dun movemento, como o dos anarquistas galegos, e peninsulares, que, localizado nos Estados Unidos, tamén estendeu os seus brazos pola súa contorna xeográfica, nunha sorte de intercambio propagandístico, financeiro e axitador que o mantivo vivo e vixente durante os primeiros trinta anos do século XX.  

 O autor bota luz, en “Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global”, sobre unha desas moitas persoas, nadas en Galicia, que desenvolveron un papel singular nalgún dos acontecementos históricos máis relevantes do primeiro terzo do século pasado.  

Bieito Alonso

 Bieito Alonso. (Ourense, 1958). É historiador. Autor dun número importante de obras, entre as que destacan: “Breve historia do nacionalismo galego” (1999), “O exilio de Castelao. 1939–1950. Pensamento e acción política” (2000), “O sindicalismo nacionalista galego, 1972-1982” (2003), “Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York” (2006), “A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político” (2008), “Anarquistas galegos en América”, Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación 2020 (Galaxia, 2019) e “Estendendo a rebelión. Sindicalistas marítimos galegos na América atlántica” (Premio Manuel Murguía de Ensaio, 2021), así como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas, varios deles referentes á diversos aspectos da historia contemporánea de Tui e a súa contorna.  

 A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, congratúlase de acoller na nosa cidade a presentación desta nova obra de investigación do historiador Bieito Alonso, veciño de Tui e cunha alta implicación na vida tudense. Este acto contribúe á dinamización da vida cultural de Tui e agradece tanto ao autor como á Editorial Galicia contar con esta cidade para a presentación desta obra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario