Desfrutando do deporte inclusivo ao aire libre tamén na 15K Atlántico coa cadeira todo terreo do Rosal
• Un dos participantes na carreira está adestrando xunto cun grupo de persoas voluntarias coa Joëlette
• O Concello anima a calquera persoa interesada a solicitar a cadeira, dispoñible durante todo o ano
Infogauda / O Rosal
O Concello sigue apostando por un Rosal máis inclusivo e accesible, tamén para facer deporte. Estes días, un rapaz da contorna co apoio dun equipo de persoas voluntarias está a adestrar polos montes rosaleiros para participar na carreira 15K Atlántico coa Joëlette, unha cadeira todo terreo para persoas con mobilidade reducida que o Concello pon a disposición da veciñanza durante todo o ano.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “para nós é un orgullo poder ofrecer un servizo que permite gozar da nosa contorna a todas as persoas de forma permanente, sen importar a condición física. E a Jöelette permítenos dar un paso máis para facer do Rosal un municipio accesible para todas e todos, sen excepción”.
A Jöelette é unha cadeira especial cunha soa roda e dous elementos de agarre - un traseiro e outro dianteiro -, que permite a persoas con mobilidade reducida realizar rutas ou carreiras adaptadas por calquera tipo de terreo. Para o seu uso, a persoa usuaria debe ir sempre acompañada polo menos por dúas persoas, unha que garanta o equilibrio e outra que poida traccionar e dirixir a cadeira.
Con este servizo, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa accesibilidade, integrando a diversidade e garantindo que todas as persoas poidan participar plenamente na vida do municipio, desfrutando tamén dos seus espazos naturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario