20 de set. de 2024

MADRID

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse no Palacio da Moncloa co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez  

 Rueda reclama a Pedro Sánchez avances nas infraestruturas de transporte, financiamento para proxectos industriais e traspaso de competencias 

 Reclama que se convoque canto antes a Comisión Mixta de Transferencias para que o Estado traspase o persoal e medios materiais necesarios para a xestión do litoral


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, con Pedro Sánchez, presidente do Goberno español
Foto: X.G.

Infogauda / Madrid 

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reclamou hoxe a Pedro Sánchez avances na mellora das infraestruturas de transporte galegas, que se axilice a chegada de financiamento para os proxectos industriais viables e sostibles e que haxa progresos no traspaso de competencias á comunidade autónoma. Así o detallou en rolda de prensa tras unha reunión co Presidente de Goberno, da que destacou o seu ton cordial e institucional, mais lamentou que houbo “moitas boas palabras, pero poucas concrecións”. No encontro, o titular do Executivo galego expuxo as demandas prioritarias da comunidade e recordou os compromisos pendentes da anterior xuntanza, celebrada en xullo de 2022. 

 Un dos eixos fundamentais foi a necesidade de acometer melloras nas infraestruturas de transportes: “De pouco serve atraer investimentos se logo non van poder funcionar se as infraestruturas necesarias, competencia do Goberno central, non están a funcionar da maneira adecuada”, apuntou. 

 Así, Rueda solicitou que se traballe con máis intensidade na conservación das autovías e que se impulsen as conexións ferroviarias en varios eixos. Fixo especial fincapé na situación da provincia de Lugo, na necesidade de estender a alta velocidade ata a cidade de Ferrol e de impulsar a conexión con Portugal, toda vez que o país veciño ten o compromiso de ter a súa liña operativa en 2032. 

 Polo tanto, solicitou que se dea prioridade á saída sur de Vigo, a obra máis complexa a este lado da fronteira, cun programa de investimentos, un cronograma e unha mesa de seguimento bilateral desta infraestrutura: “Xa que Portugal vai comprometerse a investir en centos de quilómetros, espero que España o faga con tan só sesenta”, apuntou Rueda. 

 En canto á AP-9, que ten unha das peaxes máis altas de España, propúxolle ao presidente do Goberno rescatar a concesión, un procedemento que, segundo un estudo encargado pola Xunta custaría 2.400 millóns de euros -menos da metade do cálculo feito público polo Goberno-; así como tamén garantir que saia adiante a Proposición de lei sobre a transferencia remitida polo Parlamento galego, despois de que “non por primeira vez, pero espero que por última, sexa obxecto dunha iniciativa lexislativa no Congreso de los Diputados para que se transfira a Galicia”, declarou. 

Apoio a proxectos industriais 

 Outros dos asuntos prioritarios no encontro xirou arredor do desenvolvemento industrial de Galicia. Rueda amosou a súa preocupación pola xestión dos fondos europeos: “É preciso tomar unha decisión respecto aos miles de millóns de fondos europeos que a día de hoxe seguen sen mobilizarse. Hai 18.000 millóns de euros dos PERTE industrias sen mobilizar que é necesario e urxente descentralizar ás comunidades autónomas”, remarcou o presidente. 

 Referiuse a varios proxectos concretos, como o de Altri, para o que xa se acadara un compromiso de apoio por parte do presidente do Goberno na reunión de xullo de 2022. O presidente galego interesouse por se se tiña feito algunha xestión con Bruxelas neste sentido e adiantou que sería moi difícil de entender que, de conseguir este proxecto a autorización ambiental, quedase sen o financiamento preciso. 

 No ámbito enerxético, pediu o apoio do Goberno central para resolver a situación de bloqueo do sector eólico en Galicia e máis certezas respecto ao desenvolvemento da eólica mariña, un vector de crecemento para Galicia sempre que sexa compatible coa pesca: “Estamos a ter un crecemento industrial importante, sobre todo en canto a empresas que están a expor instalarse pero necesitan as acometidas eléctricas para poder facelo”, declarou. 

Ordenación do litoral e máis efectivos para a Policía Autonómica 

 Rueda e Sánchez tamén falaron sobre a asunción de novas competencias para Galicia. O presidente galego pediu, de novo, que se convoque canto antes a Comisión Mixta de Transferencias entre Xunta e Goberno central para acometer o traspaso de persoal e medios para xestionar o litoral, en tanto esa competencia recae na Administración autonómica tras aprobarse a Lei ao respecto -que foi avalada, ademais, polo Tribunal Constitucional na súa práctica totalidade tras o recurso do Estado-: “Galicia é a comunidade autónoma de toda a Península Ibérica con máis quilómetros de costa. E, por tanto, temos claro que toda a actividade económica que se desenvolve nas nosas costas vai mellorar se pasa a formar parte das competencias autonómicas”, remarcou. 

 Tamén insistiu na necesidade de que se incorporen máis axentes á Policía Autonómica. O corpo conta con 150 efectivos menos dos que lle corresponden, a pesar de ter asumido novas competencias durante os últimos anos: “Agora mesmo, de 500 que precisamos estamos en menos de 350. E levamos anos reclamando estes efectivos”, apuntou o presidente. 

Sanidade, dependencia e vivenda 

 No encontro tamén tiveron a oportunidade de tratar outros asuntos. No ámbito sanitario, Rueda solicitou que se permita ás comunidades autónomas aumentar a súa capacidade para formar novos profesionais e estender, polo menos temporalmente, ata 72 anos a idade de xubilación nas especialidades máis deficitarias. 

 En dependencia, volveu reclamar que o Goberno incremente a súa achega ata o 50%, tal como se contempla na Lei: “En Galicia, a parte do Goberno central non está cuberta ao 50%. isto xera un gasto de 250 millóns de euros ao ano para nós, aparte de cubrir o noso 50%. Isto ten que cambiar”, remarcou. Tamén pediu que o Goberno colabore con 70 millóns de euros máis no financiamento das novas vivendas planificadas pola Xunta para o parque público galego; e que se amplíe canto antes a redución do IVE a pescados, mariscos e conservas. 

Financiamento autonómico 

 En canto ao financiamento autonómico, Rueda apuntou que o presidente do Goberno propuxo o asunto na reunión. Con todo, e tal como adiantara, o titular do Executivo galego defendeu que esta é unha cuestión que se debe abordar nun foro multilateral e non bilateral, polo que non negociou ningún punto neste sentido: O que si lle manifestei foi que os pactos de financiamento singulares que se están asinando con Cataluña prexudican ao resto de comunidades autónomas e, sen ningunha dúbida, a Galicia, apuntou. 

 Tamén trasladou, de novo, as prioridades de Galicia, xa coñecidas e recollidas na Declaración de Santiago, que hai tres anos asinaron 8 comunidades autónomas; e tamén o manifesto asinado na reunión que mantiveron o pasado venres 6 de setembro os responsables de 12 comunidades e dúas cidades autónomas. 

 Segundo o documento, o financiamento debe garantir a igualdade de servizos de calidade, ter en conta a perspectiva demográfica —cuestións como a dispersión e o envellecemento—; garantir o equilibrio territorial en todo o país; e que os recursos que percibe o conxunto das comunidades se incrementen na mesma medida en que crecen as súas necesidades. 

 Por último, o presidente do Goberno galego declarou que o presidente non lle concretou data para a reunión de presidentes autonómicos, pero que lle transmitiu que sería inminente. O presidente dixo que se alegraría cando se celebre, pero que era importante ver que contido terá: Insistinlle moito en que non a centrase nun único tema, que non só se falase de vivenda. Hai moitas cuestións que tratar, finalizou o presidente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario