11 de set. de 2024

CULTURA

Valentín García destaca o “valor filolóxico e didáctico” da obra ‘Contribución á nomenclatura galega das aves’ de Xosé Manuel Penas 

 O secretario xeral da Lingua participou na presentación deste traballo que conta co apoio da Xunta e está dispoñible no Portal de Lingua


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, un estudo do ornitólogo, investigador e mestre Xosé Manuel Penas Patiño

Foto: X.G.



Infogauda / Santiago de Compostela 

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, un estudo do ornitólogo, investigador e mestre Xosé Manuel Penas Patiño que conta co apoio da Xunta para abordar en profundidade os nomes galegos das diferentes especies ornitolóxicas. 

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceulle ao autor a súa contribución e destacou “o valor filolóxico e didáctico do traballo, así como o ambiental e natural, xa que se trata dun coñecemento que incide positivamente na sensibilización, protección e coidado das aves”. Neste senso, Valentín García animou “a aprender e apaixoarse, desde a lingua galega, co abraiante e vasto mundo das aves” a través desta lectura. O secretario xeral incidiu nas oportunidades “deste estudo enciclopédico, nun momento en que Galicia se está a converter en referencia do turismo de interese natural, nomeadamente no eido da observación das aves.”

Nomes vernáculos galegos das aves 

 Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, publicado pola editorial Andavira, aborda en profundidade os nomes vernáculos galegos das aves. Alén da asignación de cada denominación a algunha das especies linneanas hoxe consideradas, trátase en certo modo de estudar unha lingua mais tamén de aproximarse a unha forma de entender o mundo a través da relación nominal que se establece entre a xente e os seres vivos. 

 Cómpre destacar que este volume é o primeiro tomo do estudo sobre as aves que cruzan os ceos de Galicia e aborda 171 denominacións e que se completará ata 625 noutras dúas achegas bibliográficas. Poderá descargarse de balde proximamente desde o Portal da Lingua Galega

Xosé Manuel Penas Patiño 

 Xosé Manuel Penas Patiño (Santiago de Compostela, 1950) é naturalista e socio fundador do antigo Grupo Ornitolóxico Galego e da Sociedade Galega de Historia de Natural. Mestre de profesión, xa xubilado, conta cunha ampla traxectoria como ornitólogo e divulgador. No ámbito da ornitoloxía ten publicadas tres guías de aves de Galicia (1980, 1991 e 2004), para alén de numerosos artigos e revistas, e coordinou tamén o Atlas de vertebrados de Galicia. Participou na Comisión para unha Lista Unitaria de Nomes Galegos de Aves (2012-2018) e nos seminarios de ornitonimia impulsados pola RAG (2019-2024), que tiveron como obxectivo a unificación e estandarización dos nomes galegos das aves para a ornitoloxía especializada.    .

Ningún comentario:

Publicar un comentario