19 de set. de 2024

AS NEVES

A CIG recorre o prego de condicións do concurso de licitación do SAF das Neves Denuncia que non se garante o cumprimento da normativa laboral 


Persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello das Neves, nunha das mobilizacións
Foto: CIG

Infogauda / As Neves 

 A CIG vén de presentar un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública (Tacgal) contra o prego de condicións do concurso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello das Neves xa que non se garante o cumprimento da normativa laboral vixente en canto aos dereitos das persoas traballadoras. 

 No seu escrito a central sindical reclama o cumprimento da lei de procedemento administrativo por parte do Concello das Neves “e se engada ao expediente a información correcta, garante das condicións das traballadoras, xa que os textos publicados están incompletos”. 

 Dende a CIG lembran que dende o mes de agosto as traballadoras desenvolveron diversas mobilizacións e catro xornadas de paros para demandarlle ao alcalde que cumpra co seu compromiso de revisión do prezo do servizo, permitindo a actualización salarial segundo convenio mentres non hai un novo contrato. 

 “As traballadoras van continuar coas súas reivindicacións até que os responsábeis municipais muden a súa posición e cumpran os acordos, por iso o pasado 13 de setembro decidiron convocar folga indefinida no SAF do Concello das Neves, todos os venres, a partir do día 27 de setembro”. 

 Na CIG denuncian que a pesar de que o Goberno local “vendeu como solucións reais para o SAF” os pregos de condicións do concurso que se publicaron o pasado 11 de setembro, o seu contido non garante a normativa laboral vixente para as traballadoras do servizo. “É o que é aínda máis grave: os textos publicados están incompletos, agochando de xeito intencionado documentación que se levou a aprobación no pleno sen facela agora pública”. 

 Até o punto de que coa intención de agochar as condicións do persoal das Neves publicaron o cadro de salarios e persoal a subrogar do ano 2020, a pesar de que o Concello conta con información actualizada aportada pola empresa. “De feito, a información correcta foi parte do expediente que se levou ao pleno”. 

Consecuencias políticas 

 Tampouco se publica o estudo económico que tamén formaba parte do expediente. Faise mención ao documento como anexo ao texto de licitación, pero sen publicalo.  “A razón é que este documento é a proba de non hai calculada unha dotación económica para afrontar incrementos salariais nos vindeiros catro anos”.  

 Por último, eludindo a súa obriga legal de dar a coñecer todos os pactos vixentes do persoal das Neves a efectos de subrogación, o Concello non publicou o pacto de centro de traballo do SAF asinado en decembro do 2023. “Pacto en cuxa negociación foi parte a propia concelleira, e do que o alcalde ten con copia enviada por rexistro o 3 de xaneiro de 2024”. Ademais, o Concello demorou case un mes dende o pleno para subir os pregos á plataforma de contratación.  

 “Actuando en contra da súa propia propaganda -que di aportar solucións reais ao SAF- non aportan absolutamente nada novo, nin sequera cuestións non económicas que foron consensuadas coas traballadoras; pero ademais fixeron o posíbel para ocultar as melloras pactadas coas empregadas municipais coa clara intención de abaratar o prezo de licitación”.  

 Finalmente, na CIG consideran que a ocultación intencionada de datos nun expediente administrativo “é moi grave e debera ter cando menos consecuencias políticas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario