O GRUPO MUNICIPAL DO BNG PRESENTOU UNHA MOCIÓN PARA O REXEITAMENTO DA SUBIDA DO CANON DE SOGAMA E POR UN NOVO MODELO DE XESTIÓN DE RESIDUOS
• A proposta será tratada na vindeira sesión plenaria
Infogauda / A Guarda
Anxo Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do BNG no concello da Guarda, ao abeiro da lexislación vixente, presenta para o seu debate no Pleno da corporación municipal a seguinte MOCIÓN:
O anuncio da Xunta de Galiza do incremento do canon de SOGAMA para 2025, logo da suba xa aprobada en xullo de 2024, suporía un incremento acumulado de máis do 60%: o canon tipo pasaría dos 68 euros/tonelada da primeira metade de 2024 (coa bonificación do 15% máis de 100 concellos pagaban 56 euros) aos 108 euros en 2025. Un auténtico sablazo e un atraco que merece unha resposta contundente por parte dos concellos.
No outono de 2022 a Xunta incluiu no borrador de orzamentos para 2023 a supresión da bonificación do 10% do canon para aqueles concellos que implantasen a recollida separada dos biorresiduos e repercutisen a bonificación nos recibos que paga a veciñanza. Logo dun rexeitamento xeneralizado en vésperas das municipais, Rueda anunciou no parlamento o incremento da bonificación até o 15% nos concellos con recollida separada de biorresiduos e quinto colector ou colector marrón, medida que se comezou a aplicar no ano 2023.
A mediados do ano 2024 a Xunta elimina a bonificación e incrementa o canon nun 30%, dos 68 aos 88 euros por tonelada (os concellos con bonificación do 15% pagaban 56 euros por tonelada).
E agora anuncia un novo taxazo para 2025 que elevaría a factura até os 108 euros (suponse que a medida se tramitará na lei de acompañamento dos orzamentos de 2025).
Desde o BNG consideramos que este incremento unilateral, desproporcionado e abusivo do canon aos concellos é consecuencia do fracaso estrepitoso do sistema SOGAMA, baseado en solucións finalistas como a incineración e o depósito en vertedoiro, penalizados pola normativa europea de residuos.
A Xunta xustifica a necesidade deste incremento polo desfase nas contas de SOGAMA como consecuencia de decisións do goberno central, que tiveron unha repercusión de 21,3 millóns de euros nas contas da empresa en 2023. Ainda que a Xunta procure excusas e xustificacións externas, a causa do desfase económico de SOGAMA e dos seus números vermellos é a ineficiencia e o elevado custo do transporte, a xestión centralizada e a incineración de residuos, e, sobre todo, o erro que supón optar en exclusiva pola opción absolutamente superada da incineración.
O modelo de Sogama é obsoleto, centralizado e antiecolóxico, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda dos criterios que marca Europa, pois a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no 2020 foi do 21%, cando a UE marcaba case o 50%. Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe, xa que o propio plan da Xunta prorrogado até 2022, establecía a necesidade de tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000.
En lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptado ás esixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi costoso e antiecolóxico. A Xunta opta pola solución fácil dun novo sablazo aos concellos, seguindo coa súa especialidade de buscar culpables en lugar de propoñer solucións.
O novo taxazo anunciado para o 2025 (que levará o canon a 108 euros por tonelada), o que supón un incremento total de máis do 60% de media en poucos meses (o incremento é maior para os máis de 100 concellos que pagaban un canon bonificado de 56 euros por tonelada a cambio de implantar a recollida separada dos biorresiduos.
Para evitar esas perniciosas consecuencias para o Concello, O Grupo Municipal do BNG propón ao resto da corporación a adopción do seguinte ACORDO:
• Rexeitamento aos taxazos de SOGAMA (o aprobado en xullo e o anunciado para 2025) que a Xunta de Galiza pretende aprobar.
• Instar a un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao costoso e antiecolóxico sistema SOGAMA baseado na incineración
• Solicitar creación dunha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do Canon para o ano 2025 -antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano – e debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galiza, incluíndo o debate sobre a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon e valorando para a aplicación desa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria, ou financiando modelos de xestión alternativos nos que se debe primar o tratamento de proximidade dos biorresiduos, con sistemas de compostaxe domiciliaria e comunitaria.
En A Guarda a 12 de Setembro de 2024
Asdo. Anxo Baz Vicente
Portavoz do Grupo Municipal do BNG
Ningún comentario:
Publicar un comentario