O GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE PRESENTOU UNHA MOCIÓN PARA SOLICITAR AO CONCELLO DA GUARDA QUE CONTINÚE O PROXECTO DA SAÍDA SUR AO PORTO DA GUARDA
• Será tratada na próxima sesión plenaria ordinaria
De esq. á der.: Lucía Trigo, Fátima Rodríguez e Rafael Álvarez, membros do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda
Foto: Cedida
Infogauda / A Guarda
O Grupo Municipal dos Socialistas da Guarda, ao amparo da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para o seu debate e votación en Pleno:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Mellorar a comunicación do porto da Guarda xa vén de vello. Tanto é así que o PXOM de 1993 xa contemplaba un novo acceso ao porto desde o sur por considerar estratéxica a mellora da súa comunicación.
Desde aqueles tempos todos os grupos políticos manifestaron, en distintas ocasións, a necesidade dunha nova vía de comunicación que desconxestionara o casco urbano e permitira a circulación de vehículos pesados.
Despois do estudo de distintas solucións a este problema, a principios de marzo de 2017, o anterior alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou á Deputación de Pontevedra, presidida pola socialista Carmela Silva, a redacción do proxecto desta infraestrutura, vinculada á humanización de Concepción Arenal.
Despois de anos de trámites, e antes do remate da anterior lexislatura, conseguíase o último informe sectorial solicitado por Calidade Ambiental ao trazado proposto, o informe favorable de Patrimonio. E en xuño de 2023, co mandato de Roberto J. Álvarez Carrero xa iniciado, publicábase no DOGA o informe favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, que definitivamente daba luz verde ao proxecto de construción de dita infraestrutura.
No mes de xuño de 2024, desde o Grupo Municipal Socialista, solicitamos acceso ao expediente para coñecer os avances neste tema durante o último ano. Unha vez comprobado dito expediente puidemos corroborar que o proxecto quedara paralizado no punto no que o anterior goberno o deixara, xa que non foi engadido ningún documento máis ao expediente.
Todo isto ven a demostrar, unha vez máis, que moitos dos asuntos que parecían preocupar tanto a Roberto J. Álvarez Carrero cando estaba na oposición e sobre os que facía tanta demagoxia, agora pasaron a un segundo ou terceiro plano.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Socialista do Concello da Guarda presenta para a súa aprobación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:
1. Instar ao equipo de goberno a que, tal como afirmaron na campaña electoral, “leven a cabo a Saída Sur do porto da Guarda de maneira prioritaria”.
2. Que o equipo de goberno se comprometa a manter unha reunión sobre este tema a tres partes: Concello, Xunta e Deputación, antes do próximo pleno ordinario.
3. Informar, no próximo pleno ordinario, da reunión mantida e dos avances das xestión realizadas.
Na Guarda, a 12 de setembro de 2024
Asinado: Fátima Rodríguez Marcos
Voceira do Grupo Municipal Socialista da Guarda
Ningún comentario:
Publicar un comentario