BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés visita ao Morvedre no seu primeiro partido como anfitrión de volta na categoría
• O René Marigil acolle a segunda xornada ligueira o sábado 14 de setembro ás 19.30 horas
• O equipo da Guarda enfrontarase ao Balonmano Morvedre, que acaba de regresar á Liga Guerreras Iberdrola por primeira vez dende 2022
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés viaxa esta fin de semana a Sagunto para afrontar a segunda xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025. Este sábado 14 de setembro ás 19:30 horas, as da Guarda mediranse ao recentemente ascendido Club Balonmano Morvedre no Pavillón Polideportivo René Marigil.
Farano despois de inaugurar a tempada o pasado 31 de agosto cunha vitoria ilusionante na Sangriña, nun partido que comezou moi axustado fronte ao Motivemarket.com Gijón, pero que as locais souberon decantar cara ao seu marcador a partir do descanso. Cunha semana de pausa polo medio, debida ao parón da Liga pola Supercopa Ibérica, as de Ana Cristina Teixeira Seabra tiveron tempo para emendar os erros que as fixeron sufrir na súa estrea ligueira e reforzas as chaves que as axudaron a pechar esa primeira xornada cun triunfo.
Daquela, o Mecalia Atlético Guardés chega a Sagunto disposto a facerse notar e non deixarse acovardar pola volta á casa das valencianas. E faino coa seguridade de atoparse nun momento de boas sensacións, mesmo cando o seu plantel conta con importantes ausencias. Tampouco xogarán contra o Morvedre, Blazka Hauptman, a quen aínda lle queda algo máis de mes e medio para recuperarse por completo do xeonllo, nin María Sancha, que mantén a súa rotura na man dereita dende a pretempada. Ademais, neste caso a técnica Ana Cristina Teixeira Seabra decidiu non contar con ningunha xogadora xuvenil para reforzala convocatoria.
O deste sábado trátase do primeiro encontro entre o Mecalia Atlético Guardés e o Morvedre dende fai máis de dous anos, cando na tempada 2021/2022 o segundo estaba a unhas poucas xornadas de descender a División de Honor Oro. Aquela derradeira visita do Mecalia Atlético Guardés ao René Marigil saldouse cunha vitoria moi axustada pola súa parte, con tan só dous puntos de vantaxe (24-26).
Este ano, as de Valencia volveron á Liga Guerreras Iberdrola e afrontarán a contenda coa intención de defender o seu novo posto na primeira categoría, fronte ás dificultades. A pesar de ter conseguido o ascenso directo a pasada tempada en Oro, clasificándose segundo, soamente por debaixo de Grafometal La Rioja; o Morvedre comezou a súa nova singladura batendo de nefres contra o Elda Prestigio (30-21). O equipo dirixido por Manu Etayo ve no Mecalia Atlético Guardés un duro rival, e non dubidará en contar coa forza da súa afección para pelexar o encontro.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Temos que ser moi serias e respectar a Morvedre”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, advirte sobre os perigos de confiarse contra un equipo recentemente ascendido: “Temos a noción de que temos que ser moi serias, respectando a Morvedre, que vai xogar na casa e con moitas ganas de demostrar que pode facelo mellor”. A técnica portuguesa sabe que o equipo valenciano buscará facer da súa calidade de anfitrión unha vantaxe, xa que o partido deste sábado suporá a primeira reunión do Morvedre coa súa afección de volta na Liga Guerreras.
Polo demais, Seabra confía no bo desempeño demostrado polas súas tanto no comezo ligueiro coma na pretempada, e explica que a preparación destas semanas estivo enfocada en continuar polo mesmo camiño: “Penso que somos conscientes de todo iso, e que estamos traballando e preparando o partido para facelo o mellor posible. Tamén temos moitas ganas de saír con dous puntos deste enfrontamento contra o Morvedre”, sentencia.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola
Xornada 2
Club Balonmano Morvedre – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 14 de setembro, ás 19:30 horas
Pavillón Polideportivo René Marigil (Sagunto, Valencia) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario