O alumnado-traballador do obradoiro de emprego Manuel B. Portela IX, rehabilita a antiga escola de san Lourenzo
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O obradoiro de emprego Manuel B. Portela IX, que ofrece durante 12 meses, formación e emprego de forma simultánea para 20 persoas desempregadas, encara o seu último trimestre de traballo en albanelería.
Esta edición comezou a finais do ano pasado con dous proxectos como obxectivo. O primeiro deles execútase no mesmo lugar onde se lles imparten as clases teóricas, no edificio da Avenida Diego Antonio González. Alí, o alumnado ten dúas tarefas principais: a rehabilitación das fachadas e a construción dunha nova saída do edificio, o que implicaba a localización dunhas novas escaleiras.
O segundo proxecto consiste na rehabilitación da antiga escola de san Lourenzo, en Cividáns, tanto no exterior como no interior. Un dos principais obxectivos é manter a súa esencia, como o seu característico teito, mais convertendo o edificio nunha construción eficiente enerxeticamente.
Ao finalizar o prazo dos 12 meses, o alumnado recibirá o seu certificado que facilitará a súa busca de emprego e que lles acredita a formación e experiencia durante todo o período.
Ningún comentario:
Publicar un comentario