30 de ago. de 2024

O ROSAL

O Rosal impulsa o benestar das mulleres coidadoras coa segunda edición de Cultivando Coidados   

Trátase dun proxecto que busca ofrecer un espazo para traballar o autocoidado persoal, fomentando a cooperación e fortalecendo as redes de apoio  




Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal continúa co seu compromiso co benestar das persoas coidadoras, recoñecendo o seu labor esencial, coa posta en marcha da segunda edición de Cultivando Coidados, un proxecto que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das mulleres maiores de 55 anos.  

 Nunha sociedade onde o coidado de maiores e doentes segue a recaer maioritariamente nas mulleres, este programa ofrece un espazo no que traballar o autocoidado persoal, fomentando a cooperación e tecendo redes de apoio entre todas as participantes. 

 “Este proxecto nace do compromiso de apoiar a quen coida e ofrecer ás mulleres coidadoras a oportunidade de centrarse no seu propio coidado, algo que adoita pasar a un segundo plano no seu día a día. Con Cultivando Coidados buscamos non só recoñecer o seu labor, senón tamén brindarlles recursos para afrontar os desafíos emocionais e físicos que enfrontan a diario”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 A iniciativa vai destinada a mulleres adultas do Rosal, dando prioridade ás persoas máis veteranas e ás que teñan a cargo unha ou varias persoas con recoñecemento de dependencia. Este taller contará cun total de 14 sesións que se levarán a cabo todos os martes de 16.30 a 18.30 horas no Mercado de San Miguel dende o 10 de setembro ata o 10 de decembro. As persoas interesadas poderán solicitar máis información ou inscribirse ata o 9 de setembro chamando ao 986 62 50 00 extensión 5. 

 Cultivando Coidados conta entre os seus obxectivos principais introducir conceptos sobre estereotipos e prexuízos de xénero, promover a reflexión sobre o significado do coidado, incentivar o autocoñecemento e a posta en valor das mulleres coidadoras, propiciar a interiorización e o uso de límites saudables e compartir prácticas de bo trato cunha mesma e coa contorna.  

 Como sinala a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, “enfrontarse ao reto de coidar a persoas dependentes pode ser unha carga pesada, especialmente para aquelas mulleres que levan anos asumindo esta responsabilidade. Con Cultivando Coidados queremos romper o illamento que moitas delas experimentan e promover unha cultura de autocoidado e apoio mutuo. Este proxecto é un paso esencial para garantir que as coidadoras se sintan valoradas e acompañadas no seu camiño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario