Unha voz que os muros non poden calar
• A Premio Nobel da Paz 2023, Narges Mohammadi, acaba de ser sentenciada esta mesma semana a outros sete anos e medio de prisión polo réxime de Teherán
• A súa loita contra a opresión das mulleres continúa máis viva que nunca co lanzamento do seu libro 'Tortura Branca' en galego.
Redacción / A Coruña
A actualidade internacional volve poñer o foco sobre a figura de Narges Mohammadi. A activista iraniana e Premio Nobel da Paz 2023 foi condenada esta semana por un tribunal de Irán a unha nova pena de sete anos e medio de prisión. Esta sentenza reafirma a persecución contra a autora, que leva media vida sendo a voz valente contra a violencia exercida polos aiatolás contra as mulleres.
Neste contexto de represión, Hércules de Ediciones vén de publicar por primeira vez en galego 'Tortura Branca', unha obra na que Mohammadi recolle as estremecedoras vivencias de doce mulleres sometidas a torturas nas prisións de Irán. Para a editorial galega, a publicación deste libro constitúe “un acto de solidariedade internacional coas mulleres iranianas” e unha homenaxe á resistencia.
O horror do illamento sensorial
A obra, traducida por María Fe González Fernández, introduce ao lector no concepto da «tortura branca», un método de anulación do individuo baseado na privación sensorial e o illamento prolongado. A través de diversas entrevistas, o libro detalla como se controla a luz das celas para alterar os patróns de soño, o uso de vendas nos ollos e a subministración de comida insípida para quebrar o espírito das presas.
Malia estar encarcerada no cárcere de Teherán e ter prohibido calquera contacto co exterior —o que lle impediu recoller persoalmente o seu Premio Nobel—, a palabra de Mohammadi logra atravesar os muros de formigón a través de testemuños coma este. O galardón foi outorgado precisamente "pola súa loita contra a opresión das mulleres en Irán e a súa loita por promover os dereitos humanos e a liberdade para todos".
Un referente do feminismo actual
Tortura Branca convértese na décima entrega da Colección Púrpura de Hércules de Ediciones. Este proxecto editorial naceu en 2019 co obxectivo de achegar á lingua galega textos fundamentais do feminismo contemporáneo.
Con este lanzamento, a obra de Mohammadi súmase a un catálogo de autores e autoras de prestixio internacional como Mary Beard (Mulleres e Poder), Mona Chollet (Bruxas), Rebecca Solnit (Os homes explícanme cousas) ou Roxane Gay (Mala feminista). A lectura deste novo volume proporciónanos, en palabras dos editores, un retrato crudísimo da indefensión das mulleres iranianas baixo o terror do réxime islámico.



Ningún comentario:
Publicar un comentario