Doce propostas musicais diversas e de calidade protagonizarán os escaparates do MUMI no mes de setembro
Infogauda / Tui
Diversidade e calidade son dúas das características das doce propostas artísticas que participarán nos escaparates do MUMI, o Encontro da Música de Galicia e Portugal, que se vai celebrar na Eurocidade Tui-Valença do 12 ao 15 de setembro.
Á presentación, realizada na Pousada de San Teotonio, en Valença, asistiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a vicepresidenta da Câmara Municipal de Valença, Ana Paula Xavier; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, Roberto José Álvarez Carrero; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; e representantes do equipo organizador do MUMI Ánxela Vila e José Costa.
Entre as 242 propostas recibidas para participar nos escaparates, por Galicia intervirán Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres Portugal presentará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma.
Nestas propostas hai tanto bandas e artistas emerxentes como traxectorias consolidadas.
Tamén, grazas á consolidación da colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador, co directo do seu novo álbum Ocells.
Mentres a Fira recibirá, en outubro, a proposta galega de Mondra co seu traballo A folía das ardentes, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI.
Máis aló dos escaparates o MUMI contará cun programa de conferencias, palestras, reunións rápidas e sesións de traballo conxunto, xunto a outras propostas musicais, que serán dadas a coñecer proximamente.
As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe ata o 8 de setembro. Así artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita neste mercado de músicas que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença, e a colaboración da Deputación de Pontevedra, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal e a Fundação GDA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario