O Concurso de Debuxo Infantil do Consorcio de Augas do Louro xa ten gañadores e finalistas
Os traballos premiados ilustraran o calendario de 2025 desta entidade
Foto: C.T.
Infogauda / Tui
Eduardo Ríos González do Colexio Maristas Santa María, de Tui; Ana Méndez Saa, do CEIP Atín Cela, de Mos; Carmen Ledo Carrera, do CEIP Antonio Palacios, de O Porriño; e Zoe Gil Oya, do CEP Altamira, de Salceda de Caselas, foron os catro gañadores do Concurso de Debuxo Infantil convocado polo Consorcio de Augas do Louro.
Recibiron os seus premios - unha tableta -, da man do presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira; e do director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añon, nun acto celebrado nas instalacións da EDAR de Guillarei.
No acto os responsables municipais agradeceron ao alumnado a súa participación neste concurso e o seu compromiso coa auga, o medio ambiente e o coidado do planeta como demostraron coa súa participación neste certame convocado baixo o título “Misión sostible: acción salvar o planeta”.
Ademais do gañador/a por cada municipio, houbo tamén dous finalistas que recibiron coma premio un reloxo dixital. Os finalistas foron Cristina Jorge Tyurikova, do Colexio Maristas Santa María; e Alejandra Vidal Rodríguez, do CEIP Plurilingüe nº 2 de Tui; Inés Rodríguez Fariña e Hugo Rodríguez González, do CEIP Mestre Martínez Alonso, en Mos; Antía Cid Fernández, do CEIP Xosé Fernández López; e Meriam Ziloul Melloaki, do CEIP da Ribeira, en O Porriño; Icíar Marínez Coto e Daniela Martínez Alonso do CEP Altamira, en Salceda de Caselas.
Un total de 300 debuxos de 19 colexios dos catro concellos que integran o Consorcio, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas e Mos, se presentaron a esta edición do concurso reflectindo nos seus traballos a acción salvar o planeta e acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Os debuxos gañadores e finalistas poden verse na páxina web do Consorcio, e protagonizarán o calendario que a entidade edite para o 2025, ilustrando cada un deles cada un dos meses do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario