Máis de 120 persoas peregrinaron pola historia de Tomiño con Eureka Reto Rural
O equipo ‘La Pandi’, o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha visita guiada ao Pazo de Mos e un almorzo ou cea de degustación de produtos típicos na Tapería Flora de Mos
A vindeira cita será o sábado 27 de xullo en Pazos de Borbén. Inscricións xa abertas na web
Infogauda / Tomiño
Máis de 120 persoas peregrinaron ao pasado nunha nova proba de ‘Eureka Reto Rural’ en Tomiño. Neste desafío, os participantes tiveron a oportunidade de desfrutar dunha experiencia moi emocionante que tivo como escenario o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago. Nesta nova entrega do reto interactivo pensado para todos os públicos, EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño permitiron que os participantes se achegasen aos segredos do pasado do municipio de Goián ao tempo que desfrutaban do aire libre da mellor compañía.
O equipo ‘La Pandi’, foi o que resolveu o reto no menor tempo, polo que gozará dunha visita guiada ao Pazo de Mos e un almorzo ou cea de degustación de produtos típicos na Tapería Flora, de Mos. Por outra banda, ‘Os Lentos’, foron os afortunados que se levaron un lote de produtos de Tomiño e do Baixo Miño.
As persoas que non tiveron a posibilidade de asistir esta fin de semana ao encontro en Tomiño poderán igualmente desfrutar do xogo de escapismo de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. As vindeiras citas serán o sábado 27 de xullo ás 20.00 horas en Pazos de Borbén coa temática de ‘A emigración: as casas indianas’ e o domingo 28 en Fornelos de Montes ás 18.00 horas no marco da ‘Fiesta gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
Aquelas persoas que teñan interese en participar en calquera dos xogos de escapismo deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas
Ningún comentario:
Publicar un comentario