22 de xul. de 2024

O ROSAL

O Rosal celebrará as Festas de Verán do Pilar cunha ampla programación encabezada polas Fillas de Cassandra 

Do 24 ao 26 de xullo, a praza do Calvario acollerá numerosas actividades de lecer  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal ultima detalles da preparación das Festas de Verán do Pilar, nas que durante os tres días de celebración terán lugar numerosas actividades para tódolos gustos. Do 24 ao 26 de xullo, a praza do Calvario acollerá estes eventos, nos que non faltará a música, o lecer, o deporte ou o humor. Tal e como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar desta ampla oferta “grazas á colaboración e implicación daquelas asociacións que participan cada ano na organización de tres xornadas cheas de propostas para todos os públicos coas que desfrutar das nosas festas tradicionais”. 

 



 A festa dará comezo o mércores 24 de xullo coa sexta edición do tradicional Festival Xente Xida, de 20.00 a 01.00 horas. Os encargados de poñer a música serán nesta ocasión Airiños do Cereixo, BG Paramos e Os Terribles Donas, acompañados sempre polo Trebón dos Xidos e Xente Xida, achegado así a música tradicional ao público asistente.  

 O xoves 25 a programación dará comezo ás 12.00 horas, coa misa cantada pola Coral da Agrupación Musical do Rosal, que contará tamén coa participación da Banda da Agrupación. 

 Ás 16.00 horas terá lugar o torneo de xadrez, dando paso ás 20.00 horas ao Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca, que organiza a Asociación Lusco e Fusco. 

 Ás 22.00 horas, a praza do Calvario prepararase para acoller o evento máis agardado das Festas de Verán do Pilar: o concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal.  

 Deste xeito, pecharase así a xornada con este evento, no que a Agrupación e o dúo musical galego unirán forzas para ofrecer un espectáculo único no que deleitarán ao público cunha mistura de melodías tradicionais, letras actuais e influencias pop e electrónicas  

 O venres, como despedida,  ás 21.00 horas, a praza do Calvario encherase de humor cos Netos do Rosal. Ao remate, os asistentes poderán desfrutar da actuacón do DJ Cristian Pereyra ata á 1.00 da madrugada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario