25 de xuño de 2024

VIGO

O presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Vigo acordan avances en diversos ámbitos de interese para a cidade 

Rueda destaca o encontro con Caballero como “cordial e construtivo” e considera “positivo” que quede aberta unha canle de comunicación entre ambas institucións


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo, no ámbito de competencia autonómica, e celebrou a vontade do Concello de colaborar para sacar adiante moitos proxectos conxuntos que están pendentes.  

 Así, indicou o acordo por ambas partes de, mediante a sinatura previa do correspondente convenio, financiar ao 50% as obras das pistas de atletismo do estadio de Balaídos. “Creo que esta é unha boa nova xa que desbloquea unha infraestrutura ansiada e que vai ser moi utilizada non só polos deportistas de Vigo, senón por outros moitos desta comarca que as utilizan”, manifestou Rueda.  

 Trátase dun dos principais acordos que saíron da reunión mantida co alcalde da cidade, Abel Caballero, a cal Rueda valorou como “cordial e construtiva” e considerou “positivo” que ambas Administracións poidan sentarse para abordar conxuntamente asuntos de interese para os vigueses. “Quedou aberta unha canle de comunicación entre institucións que eu celebro”, asegurou.  

Desbloqueo da ETEA 

 O presidente tamén informou da proposta realizada polo rexedor vigués, baseada na introdución dun terceiro actor, a Zona Franca, nas obras da ETEA para desbloquear os seus terreos e permitir que se constrúan alí a residencia de maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega e o Campus do Mar que impulsa a Universidade de Vigo.  

 “É unha proposta que temos que estudar pero que parece que pode ter viabilidade, en principio, e vai permitir desbloquear o ámbito PS1 da ETEA”, indicou Rueda, ao mesmo tempo que sinalou que ese posible acordo a tres bandas faría posible executar un aparcamento na zona e a urbanización necesaria para que esas parcelas poidan comezar a ter a actividade prevista.  

Sinalización do Camiño 

 Por outra banda, o titular autonómico celebrou a decisión do Concello de sumarse á a sinalización oficial do Camiño na cidade, a cal está próxima a licitarse tal e como lle trasladou Caballero. “Creo que é unha decisión necesaria, xa que non era entendible que Vigo fose a única cidade europea que non conte con ela”, indicou, ao tempo que asegurou que vai beneficiar tanto a peregrinos como hostaleiros e comerciantes.  

Compromiso coas infraestruturas 

 No encontro desta mañá, tamén se acordou a necesidade de facer un “seguimento conxunto daquelas infraestruturas que ten que executar o Goberno central que son absolutamente fundamentais para Vigo, a súa comarca e tamén para Galicia”.  

 Neste sentido, o presidente da Xunta puxo como exemplo a “necesaria Saída Sur” para conectar coa rede de alta velocidade portuguesa, a conexión de Vigo coa alta velocidade pola meseta e todo o relacionado co Corredor Atlántico. “Que o Concello de Vigo e a Xunta estean xuntos nesta coordinación para esixir estes compromisos creo que tamén é unha moi boa nova”, indicou.  

 Ademais, amosou a vontade do Executivo galego para colaborar no grupo de traballo proposto polo Goberno local para “avaliar e coordinarse nas políticas de vivenda que hai que facer na cidade máis poboada de Galicia”. “Que o Concello de Vigo decida implicarse e coordinarse coa Xunta na execución conxunta en materia de vivenda é moi salientable e creo que poden saír resultados moi positivos”, engadiu.  

 Alfonso Rueda informou tamén que o encontro serviu para manifestar a “conformidade” da Xunta de retomar o proxecto do túnel de Beiramar, aínda que será necesario actualizar as necesidades actuais, o seu custe e as afectacións.  

Grandes concertos conxuntos 

 Por último, o presidente do Goberno galego manifestoulle a intención ao alcalde vigués de organizar espectáculos, especialmente musicais, conxuntamente entre a Xunta e o Concello de cara á programación do próximo Xacobeo 27.  

 “Dentro dunha programación que estamos deseñando xa, creo que a cidade de Vigo non debería quedarse sen esa colaboración entre municipios e Xunta para traer grandes espectáculos ás cidades galegas”, indicou Rueda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario