A Guarda presentou en Vilanova de Arousa, a XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira
Infogauda / A Guarda
Co obxectivo de dar a coñecer a festa entre veciños e visitantes para que nos visiten a próxima semana, a XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira de A Guarda, foi presentada ao mediodía de onte, na estación marítima Mar de Santiago, de Vilanova de Arousa.
As persoas - entre elas Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta de Galicia -, que por alí pasaron puideron probar os produtos que se poderán degustar no porto da Guarda a fin de semana do 5, 6 e 7 de xullo. Os asistentes quedaron fascinados coa calidade dos froitos do mar - e tamén sobremesas, como a rosca de xema - que serán servidos na XXXII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira de A Guarda e xa facían plans sobre a súa visita á vila do Trega.
O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, convidou a visitar a vila de A Guarda, non só pola gastronomía, senon tamén pola historia e a paisaxe local.
O tenente alcalde de Vilanova de Arousa, Javier Tourís, mostrouse agradecido por ser o municipio elixido para esta presentación e, anunciou que eles presentarán na Guarda a súa Festa do Mexillón.
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, puxo en valor as diferenzas entre os dous concellos polas súas características de mar aberto e de ría. Durán non dubidou da gran calidade dos produtos de ambos concellos e tamén recordou a influencia e importancia que ten o mar na vida local.
Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, de A Guarda
Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, no ano 2014, a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para pór en valor o bo facer dos restauradores de A Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a lagosta, símbolo de A Guarda dende os tempos dos barcos viveiros, das cetáreas, e dos pescadores que faenaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a ser coñecida como a «Capital da Lagosta».
Ningún comentario:
Publicar un comentario