27 de xuño de 2024

TOMIÑO

Diversión a esgalla en familia co Show de Fifo ‘Soño’ 

Troula Animación chegará este domingo 30 á Praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, con este espectáculo participativo cheo de humor  




Infogauda / Tomiño 

 Diversión a esgalla para toda a familia esta fin de semana en Goián. A programación de verán do Concello de Tomiño vai acoller o Show de Fifo ‘Soño’, un espectáculo de Troula Animación que promete unha tarde chea de risas na que nenos e nenas poderán participar de forma activa xogando co protagonista.  

 Será este domingo 30 de xuño ás 19.30 horas na Praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, espazo no que o público poderá desfrutar de balde deste espectáculo que combina música, bailes, gags cómicos e moito máis a través dunha divertida trama co pallaso Fifo como protagonista.  

 A través de xogos, bailes e humor Fifo tratará de descubrir se vive nun mundo real ou está realmente soñando, unha cuestión que explorará coa axuda dos nenos e nenas presentes, facendo que toda a cativada se involucre activamente no espectáculo.  

 O Concello convida a toda a veciñanza a asistir e gozar dun novo espectáculo de Troula Animación que garante unha experiencia inesquecible para desfrutar en familia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario