27 de xuño de 2024

OIA

Aviso fitosanitario sobre flavescencia dourada da vide en Loureza  

Os tratamentos insecticidas contra a enfermidade son obrigatorios nesta parroquia e recomendados en zonas limítrofes  


Videiras afectadas pola flavescencia dourada
Imaxe: Campo Galego. Xornal dixital agrario.
 

Infogauda / Oia

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de emitir un aviso fitosanitario informando da inclusión da parroquia de Loureza dentro da zona de demarcación da enfermidade da flavescencia dourada da vide, polo que é obrigatorio aplicar os tratamentos insecticidas autorizados contra o scaphoideus titanus, vector da antedita enfermidade. Do mesmo xeito recomenda, como medida preventiva, a aplicación do tratamento nas zonas vitícolas limítrofes.  

 Desde o mes de maio a Xunta de Galicia fai un seguimento da evolución do insecto vector desta enfermidade. Dado que as ninfas se atopan no seu estado máis avanzado, atopámonos no momento máis axeitado para aplicar os insecticidas.  

 O primeiro tratamento deberá darse nestes días, á maior brevidade posible. O segundo tratamento administrarase aos 15 días do primeiro e o terceiro un mes despois do segundo. Recoméndase aplicar os insecticidas na primeira hora do día excepto no caso das piretrinas, as cales deben darse a última hora do día por tratarse dun produto fotosensible. A aplicación deberá facerse de xeito uniforme, mollando ben a parte posterior das follas e a parte baixa das cepas, lugar onde se aloxan as ninfas.  

 Finalmente, lémbrase a obriga de anotar os tratamentos implicados nos cadernos de explotación, que poderán ser requiridos para a súa comprobación.      

 A relación das materias activas e formulados autorizados para os tratamentos fitosanitarios, a listaxe coas parroquias das zonas demarcadas e outra información de interese atópase dispoñible na seguinte páxina da Consellería: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/agricultura/sanidade-vexetal/organismos-nocivos-de-corentena  

A flavescencia dourada  

 A flavescencia dourada é unha enfermidade causada por un fitoplasma que provoca graves danos no cultivo da vide. Trátase dunha praga corentenaria da Unión Europea, regulada polo Regulamento (UE) 2016/2031 e o Regulamento (UE) 2019/2072, polo tanto a presenza desta praga obriga a establecer unha serie de medidas para o seu control e erradicación.  

 Os síntomas nas plantas infestadas son o atraso no agromado, mortalidade total ou parcial das cepas, ausencia de produción, coloración vermella ou amarela das follas,  falta total de agostamento dos sarmentos ou sarmentos con porte desmaiado, dando á cepa un aspecto chorón. Os mellores meses para visualizar estes síntomas son entre finais de xullo e finais de agosto. Dende que a planta está infectada poden tardar en aparecer ata un ano e os síntomas poden confundirse con outras alteracións, polo que a patoloxía debe ser confirmada por técnicas moleculares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario