MERECIDA HOMENAXE A BRASILINO ÁLVAREZ SOBRINO, ÚLTIMO ALCALDE REPUBLICANO DO CONCELLO DE A GUARDA
• Lembranza e memoria dun home bo e xeneroso
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Por iniciativa da Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, e coa colaboración do Concello de A Guarda e a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F. e N.G.), o mediodía deste sábado día 15 de xuño de 2024, tivo lugar a carón dunha figueira, na Estrada Circunvalación, 78, - preto do lugar onde nacera - un emotivo acto de homenaxe a Honorio Brasilino Álvarez Sobrino (A Guarda, 1894 - Tui, 1936), último alcalde republicano do Concello de A Guarda.
Ata o devandito lugar achegáronse familiares de Honorio Brasilino Álvarez; ex alcaldes - Raúl González Puebla, José Manuel Domínguez Freitas, José Luis Alonso Riego e Antonio Lomba Baz - do Concello de A Guarda; concelleiras/os e ex concelleiras/os do concello guardés; membros da Entidade Local Menor de Camposancos; representantes de varias asociacións culturais e recreativas da localidade; membros da Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás; membros da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Louriña; veciñanza das tres parroquias guardesas e tamén de concellos da contorna.
Previamente ao comezo da homenaxe, Almudena Taboada Lago, secretaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa fixo entrega de exemplares dunha postal, reproducindo un retrato de Brasilino Álvarez Sobrino, realizado ao carboncillo por Benito Prieto Coussent (Ribadeo - Lugo, 6 de xuño de 1907 – Granada, 3 de febreiro de 2001), o día 8 de decembro de 1936, na prisión de Tui, véspera do fusilamento de Brasilino Álvarez Sobrino, de 40 anos de idade, na Alameda de Tui, perpretado polo franquismo.
Na mesma data - 9 de decembro de 1936 - e no mesmo lugar - Alameda de Tui - tamén foron fusilados Roque Camilo Carrero Lorenzo, de 42 años, natural e veciño de Camposancos; José Manuel Vicente Portela, de 39 anos, natural e veciño de A Guarda; Juliano Díez Álvarez, de 30 anos, natural de Valladolid e veciño de A Guarda; e Adelaido Barredo Sueiro, de 33 años, natural de O Rosal e veciño de A Guarda.
Qué tristeza da lembrar eses inxustificables feitos!
Por iso, a Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás proponse homenaxear as mulleres e homes que foron víctimas do franquismo. A homenaxe a Honorio Brasilino Álvarez Sobrino foi o comezo dese reto que - segundo afirmou José Antonio Rodríguez Portela, na introdución do acto - terá continuidade no tempo e pretende honrar as persoas que defenderon a cultura, a democracia, o agrarismo, o sindicalismo, e o Goberno da IIª República.
De Honorio Brasilino Álvarez e da súa personalidade, de home bo, comprometido cos máis febles, e co progreso de A Guarda, falou José Manuel Domínguez Freitas, presidente Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, citando ao poeta Antonio Machado:
Hay en mis venas gotas de sangre jacobina,
pero mi verso brota de manantial sereno;
y, más que un hombre al uso que sabe su doctrina,
soy, en el buen sentido de la palabra, bueno.
Na súa intervención, Domínguez Freitas, tamén recitou o poema Elegía a Ramón Sigé, de Miguel Hernández, que conclúe coas seguintes estrofas:
"(...) Tu corazón, ya terciopelo ajado,
llama a un campo de almendras espumosas
mi avariciosa voz de enamorado.
A las aladas almas de las rosas...
de almendro de nata te requiero,
que tenemos que hablar de muchas cosas,
compañero del alma, compañero.
Acto seguido, José Manuel Domínguez Freitas entregoulle un ramo de rosas a Carmen Gloria Álvarez Vázquez.
Na homenaxe tamén intervíu Cintia Lomba Lomba, que co seu clarinete interpretou: The entertainer, de Scott Joplin; Memories of you, de Benny Goodman, e Sing, sing, sing, de Benny Goodman.
Asemade, de Honorio Brasilino Álvarez Sobrino e do contexto familiar e socio político, así como da súa humanidade, disertou de xeito pormenorizado, tecendo nomes, datas e feitos, José Antonio Uris Guisantes, que destacou tamén a excelente calidade humana da persoa homenaxeada.
Castro de Santa Trega - Camino Portugués de la Costa - Oficina Postal de A Guarda.
E cando as agullas dos reloxos indicaban ás 13:00 horas, intervíu Carmen Gloria Álvarez Vázquez, filla de Honorio Brasilino Álvarez Sobrino e de Carmen Vázquez Palacios “Carmucha”.
Carmen Gloria referíu que a súa infancia e a de seu irmán Miguel Angel - que faleceu o día 3 de decembro de 2022, aos 91 anos de idade -, foi unha infancia feliz, dado que na súa familia nunca se gardou ningún rancor polo que había pasado, e tamén porque sempre estiveron arroupados por súa nai e seu tío Mariano, que ao haberse casado con “Carmucha”, foi como un segundo pai para eles. Tamén tivo verbas de agradecemento para a persoa que traballaba na vivenda familiar.
En nome de toda a familia, Carmen Gloria agradeceu que na vila de A Guarda, unha rúa leve o nome de Brasilino Álvarez Sobrino, dándose a circunstancia que algúns netos teñen vivenda nesa vía urbana.
Asemade expresou seu agradecemento aos organizadores da homenaxe, así como ao Concello de A Guarda e a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.
E finalmente, Carmen Gloria Álvarez Vázquez e José Manuel Domínguez Freitas, descubriron un monolito cunha placa conmemorativa, que lembra a Honorio Brasilino Álvarez Sobrino, no lugar onde nacera, e a pouca distancia da fonte-lavadoiro da Cal, para cuxa construcción promoveu no seu día unha subscrición popular, feito que o Concello de A Guarda lembrou o domingo día 19 de decembro de 2021, con motivo do centenario da devandita obra.
Dese xeito deuse por concluída unha merecida homenaxe en lembranza e memoria dun home bo e xeneroso: Honorio Brasilino Álvarez Sobrino. O último alcalde republicano do Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario