20 de dec. de 2021

A GUARDA

A Guarda rendeu unha homenaxe a Brasilino Álvarez, na Fonte-lavadoiro da Cal 

Este evento coincidiu co centenario da reforma do lavadoiro da Cal, acometida no ano 1921 por suscripción que iniciou en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, natural deste barrio da vila guardesa. 



                                                                                                        Fotos: C.A.G.

 

Infogauda / A Guarda

 O pasado domingo día 19 de decembro celebrouse na rúa da Cal un acto para conmemorar o centenario do lavadoiro da Fonte da Cal.  

 Neste ano 2021 cúmprese o centenario da construción da cuberta do lavadoiro da Fonte da Cal, no barrio da Cruzada, acometida no ano 1921 por suscripción que iniciou en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, natural deste barrio da vila guardesa.  





 Brasilino Álvarez Sobrino tiña daquela 27 anos e seguía o ronsel doutros guardeses da emigración que buscaron mellorar a calidade de vida dos seus conveciños, actuando directamente na mellora das fontes e lavadoiros, daquela sen cubrición, o que obrigaba a lavar a roupa á intemperie.  

 Neste acto contouse coas intervencións do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, quen realizou unha breve contextualización histórica sobre A Cal, o seu lavadoiro e sobre Brasilino Álvarez Sobrino, impulsor da súa construción. 







 Durante o transcurso deste acto, no que participaron unha representación da veciñanza do barrio da Cruzada e membros da Corporación Municipal de A Guarda, tamén se escoitaron as interpretacións das obras musicais dun grupo de 4 clarinetes, formado por Ana González Lorenzo, Sara Márquez Rodríguez, Nerea Fernández López e Lucía Lomba Alonso, compoñentes da Agrupación Musical de A Guarda, que interpretaron “Danza Húngara nº 5” de J. Brahms, “Hallelujah”, de L. Cohen e “The entertainer”, de Scott Joplin. 



  

 Nese acto tamén se fixo a descuberta dunha praca conmemorativa, que tal e como indicou o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, “servirá para lembrar á figura de Brasilino Álvarez, impulsor desta reforma do lavadoiro da Cal, de xeito que todo aquel que se achegue ata a fonte coñeza a súa historia.”   

 O Concello de A Guarda tamén agradeceu ao historiador Joaquín Miguel Villa a súa participación no evento e a súa colaboración na elaboración do tríptico informativo sobre este centenario, coa entrega dun agasallo.

 Deixamos constancia que previamente ao comezo do acto e tamén posteriormente, varias persoas do barrio da Cruzada, e tamén doutros lugares do concello guardés, expresaron seu desexo de recuperar para súa primixenia ubicación, o farol pétreo que alumeaba ao Santísimo Cristo da Misericordia, cuxa imaxe forma parte do cruceiro erixido en 1762, nese lugar, por devoción de José Cividanes e súa muller Isabel Peniza, tal e como consta na peaña desa artística obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario