Comunicado de CRUE sobre a situación na Franxa de Gaza
A Universidade de Vigo subscribe o comunicado de CRUE sobre a situación na Franxa de Gaza
UVIGO
A Xunta Reitora da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), reunida o 9 de maio de 2024, quere deixar constancia do seu fondo pesar polos gravísimos acontecementos que nestes momentos se están a producir na Franxa de Gaza.
As universidades españolas xa expresaron e reafirmaron en varias ocasións o seu permanente compromiso coa paz, a convivencia e a xustiza e coa defensa do dereito internacional humanitario, o cal non impide que se volva ver profundamente conmovida polo agravamento do conflito e polas penosas consecuencias que está a ter para a poboación palestina.
Facemos noso o sentir dos nosos campus e a reivindicación que desde eles se está estendendo para que, desde distintas instancias, se adopten medidas que poñan freo á escalada de violencia que se está producindo.
En consecuencia, esiximos:
• O cesamento inmediato e definitivo das operacións militares do exército israelí, así como de calquera acción de carácter terrorista, e a liberación das persoas secuestradas por Hamas.
• Que o Estado de Israel respecte o dereito internacional e permita a entrada en Gaza de toda a axuda humanitaria que se poida prover para cubrir a emerxencia da súa poboación civil e que se articulen as medidas que correspondan por parte das instancias internacionais para acometer canto antes a reconstrución e a recuperación do territorio palestino.
Comprometémonos a:
• Revisar e, no seu caso, suspender os acordos de colaboración con universidades e centros de investigación israelís que non expresasen un firme compromiso coa paz e co cumprimento do dereito internacional humanitario.
• Intensificar a cooperación co sistema científico e de educación superior palestino e ampliar os nosos programas de cooperación, voluntariado e atención á poboación refuxiada.
• Velar por que no exercicio da libre expresión non se produzan condutas, igualmente reprobables, de antisemitismo ou islamofobia, así como a calquera outro comportamento de odio no seo das comunidades universitarias.
Madrid, 9 de maio de 2024
Ningún comentario:
Publicar un comentario