24 de maio de 2024

OIA

O teatro, a poesía, a música e a danza danse a man en Oia 

 Este domingo co 6x6 Punto de Encontro  




Infogauda / Oia 

 As propostas artísticas e culturais do 6x6 Punto de Encontro volven a Oia esta fin de semana cunha programación na que confluirán distintas disciplinas: desde artesanía e fotografía ata teatro veciñal, poesía, música en directo e artes do movemento. A cita será durante toda a xornada do domingo 26 de maio no barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, localizacións que se converterán en todo un “punto de encontro festivo” entre artesáns, veciñanza, artistas, alumnado e visitantes.  

 Dirixido por Alfredo Rodríguez (A Artística) e organizado polo Concello, o evento desenvolverá a súa sexta edición baixo o título “Oia: onde as pedras falan”. Haberá actividades gratuítas durante todo o día, con propostas que divertirán a todos os públicos.   

 A xornada de festa terá o barrio histórico e Mosteiro de Oia como principais localizacións e desenvolverase segundo o seguinte programa:  

- A partir das 12.00 horas abrirán no Arrabal os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadoras e creadores locais como, areladefe (orfebrería, Oia), Xabi Garrido (pedra, Oia), Carliños (cestería, Oia), Ana Belén Jarrín (fotografía, Oia), Medialúa (coiro, O Rosal) e Ana Méndez (cerámica, Pazos de Borbén).   

- A partir desa mesma hora, na oficina de turismo poderá visitarse a exposición “Rizomas”, de Ana Belén Jarrín (Oia), que inclúe una selección de fotografías de paisaxes e a proxección dun vídeo sobre a Serra da Groba.  

 - Ás 17.30 horas o Mosteiro acollerá a representación teatral do alumnado do obradoiro infantil de teatro de Oia. Trátase da peza “O Señor Mundo”, a partires da obra de Paula Carballeira. A actividade conta tamén coa colaboración de Patricia Muñoz como narradora.  

- Ás 19.00 horas dará comezo no Mosteiro o espectáculo preparado polo grupo do obradoiro de teatro veciñal. Este ano representaranse varias pezas de creación colectiva a partires de obras de Celso Emilio Ferreiro, Marica Campo, Gonzalo Hermo, Olga Novo e Castelao, así como algunhas historias locais, todas elas coa música en directo de Nacho Álvarez. O espectáculo contará tamén coa colaboración especial das artistas Olga Cameselle (danza e movemento) e Silvia Penas (poesía).  

Fin de festa musical  

 A xornada terá un fin de festa musical, aínda que con cambios segundo o inicialmente previsto. Será Mónica de Nut quen, coa súa impresionante voz, ofreza unha completísima experiencia sonora na Praza Centinela. Baixo o título “Por que non hei de cantare”, a artista desenvolverá un espectáculo no que as composicións propias con cantos tradicionais, o canto lírico e o canto experimental combinaranse con recursos naturais da voz, canto filtrado con efectos electrónicos, bases electrónicas, canto amplificado e a capela e un harmonio hindú.  

 A actuación do grupo inicialmente previsto, Blues do País, tivo que ser cancelada debido a problemas de saúde de última hora.  

 Organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro, esta xornada festiva conta coa colaboración do Mosteiro de Oia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario