Juan Carlos González desvela os segredos da sociedade rural en ‘Galicia para debutantes’
• O autor presentará o libro este venres 10 de maio ás 20.00 horas na Biblioteca municipal do Rosal. Entrada de balde
Infogauda / O Rosal
Tres novelas nunha para cativar ao público. O Rosal acollerá este venres 10 de maio. ás 20.00 horas, na Biblioteca municipal do Rosal, a presentación do libro de Juan Carlos González ‘Galicia para debutantes’, tres novelas curtas nas que, cunha linguaxe fresca, un ritmo ameno, unha boa dose de humor e unha prosa cativadora, leva aos lectores de paseo por unha Galicia rural retratando esa sociedade que tan ben coñece.
Cunha ollada única e a través das historias de ‘Las Termópilas’, ‘La saga de Marita Arnela’ e ‘Dice Charo’, González consigue levar ao público a unha Galicia que enterra as súas raíces neses pobos nos que todos se coñecen e coñecen de todos, pero todas e cada unha das persoas teñen o seu pequeno segredo gardado celosamente. Unha Galicia que amosará aos lectores como ata a persoa máis lista acaba sendo unha pardilla e unha debutante terá que estar ao tanto se non quere perder máis que a honra e algúns cartos.
O escritor presentará a súa última obra nun acto con entrada libre no que estará acompañado por Helena Pousa e que será amenizado polas intérpretes Carla Cobos e Ángela González, da Agrupación Musical do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario