9 de maio de 2024

A GUARDA

O BNG AFIRMA QUE O CONCELLO RENUNCIA Á CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL CAMPOSANCOS - A GUARDA    

Anxo Lois Baz Vicente (BNG):“É moi grave que o PP de Roberto Carrero renuncie a esta infraestrutura tan necesaria e demandada”  


Anxo Lois Baz Vicente, concelleiro portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BNG vén de facer público que o goberno do PP  da Guarda de Roberto [José Álvarez] Carrero acaba de renunciar a construción da senda peonil entre Camposancos e A Guarda. Esta actuación estaba incluída dentro do Plan de sostibilidade turística dotado cun 1.000.000 €. A partida económica prevista para esta obra permitiría cando menos iniciala e facilitaría forzar á Xunta de Galiza, titular da estrada PO-352,  a rematala.  

 Anxo Lois Baz Vicente, concelleiro portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de A Guarda afirma que a estrada PO-352 que une Camposancos e A Guarda representa un gran perigo para os viandantes e ciclistas. En moitas ocasións os peóns teñen que esquivar os coches botándose á maleza e outras, cando se atopan dous vehículos de fronte e un peón ou un ciclista,  teñen que parar para evitar un accidente.     

 O portavoz dos  nacionalistas  considera “moi grave que despois de anos  nos que formalmente todos os grupos políticos con presencia na Corporación guardesa manifestaran o compromiso con esta infraestrutura cando chega a oportunidade de poder iniciala  o goberno de Roberto Carrero  renuncie a ela. Roberto Carrero, empeza a ensinarse  realmente como o que  é -destacou o nacionalista- un alcalde sen proxecto e  sen dedicación, ademais dun alcalde que  non cumpre coa palabra”.  

 Finalmente os nacionalistas tamén indicaron que “o BNG non se vai quedar parado diante de tamaño despropósito e anuncian unha ofensiva institucional e social para que a Xunta de Galiza aborde  na súa totalidade a  construción desta senda tan necesaria e demandada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario