7 de mar. de 2024

VIGO

A CIG conmemora o 10 de Marzo 

 Chamando á mobilización contra a precariedade e a pobreza e por un marco galego de relacións laborais 


O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, presentou esta mañá en rolda de prensa xunto a Raquel Pérez, da Executiva Comarcal, a mobilización que vai ter na cidade para o vindeiro domingo 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Neste 10 de Marzo de, Día da Clase Obreira Galega, a CIG fai un chamamento á mobilización nas sete cidades para dar resposta á grave situación de precariedade e pobreza que atravesa a maioría social e reclamar un marco galego de relacións laborais. Reivindicando a vixencia das loitas de 1972, o acto central terá lugar en Ferrol coa tradicional ofrenda floral ao monumento ao 10 de Marzo e a posterior manifestación até o Cantón. A CIG tamén ten convocadas manifestacións en Vigo e Compostela e concentracións na Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense. 

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS: 

Ferrol: 11:45h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. 12h, manifestación. 

Vigo: ás 12h, na Dobrada. 

A Coruña: ás 12h no Obelisco.

Pontevedra: ás 11:30h na Praza da Peregrina. 

Compostela: ás 12h na Praza Roxa. 

Lugo: ás 12h diante do Concello. 

Ourense: ás 12h na Praza do Ferro. 

 O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, presentou esta mañá en rolda de prensa xunto a Raquel Pérez, da Executiva Comarcal, a mobilización que vai ter na cidade para o vindeiro domingo baixo o lema “Stop precariedade. Traballo digno. Por un marco galego de relacións laborais”.  

 Unhas reivindicacións que se insiren na campaña contra a precariedade que a CIG puxo en marcha no mes de xaneiro, coincidindo cos dous anos da entrada en vigor da última reforma laboral e que, alén da vertente reivindicativa, tamén terá un percorrido institucional coa presentación de mocións nos diversos Concellos do país.  

Multiplícase a precariedade 

 Nestes dous anos, indicou Gonçalves, confirmouse o que a CIG xa denunciara no seu día: que as medidas recollidas nesta reforma, xunto cos recortes de dereitos que impuxo a reforma de 2012 que non foi derrogada, ían supoñer de novo que a maioría social vería empeoradas aínda máis as súas condicións laborais e salariais. 

 Advertiu que baixo novas formas de contratación multiplicouse a precariedade, ao xeneralizarse a contratación fixa-descontinua (medrou neste período nun 121%) e a contratación a tempo parcial. “Mudan as estatística con datos marabillosos de contratación indefinida, pero a realidade non mudou e a precariedade estendeuse baixo outras formas, mesmo abusando as empresas do uso do período de proba como contratación con despedimento libre, que se incrementou nun 21%”. 

 Tamén se reforzou o papel das ETT e se facilitou a aplicación de ERTE permanentes, pero nin se corrixiron as desigualdades de xénero, nin se aumentan os salarios, o cal nos leva a unha clase traballadora empobrecida e nunha permanente situación de inestabilidade laboral. “Faise realidade a figura do traballador e da traballadora pobre porque, hoxe en día, ter un emprego xa non garante que se poidan ter os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade e acceder a dereitos básicos como son a alimentación, a enerxía ou a vivenda. De feito, o 52% das familias que están na pobreza teñen traballo”.  

 E quen sofre con maior profundidade esta precariedade e pobreza son as mulleres (o 60% das persoas rexistradas no desemprego son mulleres) e a mocidade  (tan só no último ano emigraron 32.697 persoas, fundamentalmente xente nova). 

 Precisamente, lembrou que por “demandar salarios dignos, liberdade e algo do que seguimos facendo bandeira, que é termos un marco galego de relacións laborais e unha negociación colectiva en Galiza próxima aos traballadores/as, foi polo que morreron Amador e Daniel”.  

Cómpre loitar polos nosos dereitos 

 Mentres esta realidade de pobreza -agravada pola carestía da vida e a inflación- se instala na clase traballadora “as empresas aumentan os seus beneficios e trasladan ao sector público os custos sociais desa situación de precariedade”. Unha precariedade que ten as súas causas nas políticas neoliberais implantadas desde o goberno central, primeiro polo PP e agora pola coalición PSOE-Sumar, co obxectivo de desregular e flexibilizar para satisfacer as demandas da Unión Europea “a cambio duns fondos que só van hipotecar o futuro”.   

 Na súa intervención, o máximo responsábel da CIG-Vigo tampouco esqueceu a nula acción do Goberno galego para reverter esta realidade, limitándose a acatar o cativo marco de competencias e a aplicar unha versión máis dura destas políticas neoliberais. Por iso, instou a reaxir e a mobilizarse porque “non podemos permitir que o resultado das eleccións galegas do 18 de febreiro teñan como consecuencia un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que o PP vén practicando nos últimos anos”. 

 Ás portas dunha data tan sinalada para o sindicalismo nacionalista como o 10 de Marzo, Gonçalves reiterou a necesidade da mobilización social para conseguir un Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e reforzo dos servizos públicos en Galiza; e para que se poñan en marcha medidas que rematen coa precariedade, a temporalidade e os baixos salarios, tanto no ámbito privado como na Administración pública.  

 Tomando o exemplo das loitas do 72, tamén agora “temos que loitar por unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega”. Para avanzar neste camiño -concluíu- hai que avanzar na consecución dun marco galego de relacións laborais “porque é fundamental poder exercer un dereito democrático como é negociar en Galiza as nosas condicións de vida e os nosos salarios con plenas garantías”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario