7 de mar. de 2024

TUI

O Teatro Municipal acollerá á proxección de “O Corno”, de Jaione Camborda, coincidindo co 8M

 Este venres, día 8 de marzo, ás 21:00 horas


Fotograma do filme “O Corno”


Infogauda / Tui

 Coincidindo co 8M, Día Internacional da Muller, o Teatro Municipal de Tui acollerá este venres, día 8 de marzo, ás 21:00 horas, a proxección de  “O Corno” de Jaione Camborda.   

 O filme foi galardoado coa Concha de Ouro á mellor película no Festival de San Sebastián.  

 Janet Novás, que vén de recibir o Premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel neste filme, encabeza o reparto formado por Siobhan Fernándes, Carla Rivas, Daniela Hernán Marchaán, María Lado, Julia Gómez, José Navarro, Nuria Lestegás e Diego Anido. 

 “O Corno” transcorre na Illa de Arousa en 1971, onde vive María, unha muller que se gaña a vida mariscando, pero tamén axuda a outras mulleres nos seus partos con dedicación e coidado. Vese obrigada a fuxir, tras un suceso inesperado na súa vida. Comeza así unha perigosa travesía que lle fará loitar pola súa supervivencia. Na busca da liberdade cruza a fronteira por unha das ruta de contrabando entre Galicia e Portugal.  

 As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 6€ e 4,5€ até este venres ás 20.50 h.  

 A programación do Teatro Municipal dos meses de febreiro e marzo pecharase o próximo venres, 15 de marzo, da man de  Con de tres Pes coa representación de  “Síbaris”, obra teatral póstuma de Domingo Villar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario